O BNG insta a incluír a situación do servizo da auga en Vilaza no debate na Xunta de Voceiros deste mércores

O Bloque Nacionalista Galego de Gondomar insta ao goberno local a incluír un punto sobre a situación do servizo da auga en Vilaza na orde do día da Xunta de Voceiras/os extraordinaria convocada de urxencia para esté mércores.

Logo da estrañeza por non se ter convocado o pleno de outubro para a data correspondente, o primeiro xoves de mes, ás sete da tarde do luns e previa chamada telefónica para informar, os nacionalistas recibiron a convocatoria dunha xunta extraordinaria de portavoces dos grupos municipais da Corporación. Con dous únicos temas na orde do día: proposta de data para o pleno e “proposta do proxecto de humanización da Praza Manuel Alonso”, a coñecida como Alameda. Nada máis.

“Están claras as prioridades deste goberno: pleno urxente en abril para aprobar o proxecto, agora xunta extraordinaria para a adxudicación da obra e, polo medio, decreto para os salarios”, explica a voceira nacionalista, Manuela Rodríguez, “por diante sempre o que lles interesa a Ferreira e o seu equipo, pero da resolución de problemas como o da auga na parroquia de Vilaza ou outros realmente urxentes para a veciñanza, nada de nada”, lamenta.

Así, malia ser a auga un ben básico, o acceso a ela un dereito fundamental das persoas e o seu abastecemento un servizo de competencia municipal de obrigada prestación, nunca se convocou reunión extraordinaria e urxente para lle dar solución dunha vez á subministración de auga dos veciños de Vilaza, que levan 11 anos cun servizo en precario e con máis de 200 solicitudes de enganche sen atender.

Por esa razón, o BNG vén de rexistrar a solicitude de inclusión, na orde do día da xunta de voceiras/os convocada para o mércores, un terceiro punto a respecto das posibles actuacións para “resolver xa un problema para o que o Bloque achegou proposta de solución no pleno de decembro de 2022 pasado e que ficou sen tratar por falla de interese por parte do goberno de Paco Ferreira”.