Gondomar celebra a segunda edición do seu Certame de Corais

O Concello de Gondomar organiza por segundo ano consecutivo o seu certame de corais tras o éxito acadado na súa primeira edición. As tres corais de Gondomar daranse cita o domingo 1 de outubro a partir das 18:00 horas na Praza Escolas Vellas. A primeira coral en actuar será a Coral A Merced de Chaín, posteriormente será a quenda da Coral da Agrupación Musical de Vincios e a encargada de pechar o certame será a Coral Polifónica de Donas. As tres corais participantes levan meses de duro traballo preparando un repertorio, que ao igual que sucedeu na primeira edición, sorprenderá gratamente ao público que asista.

Paco Ferreira destacou que “o apoio e a aposta pola cultura é unha das señas de identidade do noso goberno, e a música coral ocupa unha parte moi importante na nosa programación, non só organizando certames coma este, senón tamén co noso apoio constante ás corais existentes no noso concello”. Por último o rexedor local animou á cidadanía a “acudir a un festival que xa é unha cita ineludible no extenso calendario cultural da nosa vila”.