
O que fora gañador da edición de 2021 volveu ao Desafío Talaso Atlántico non só a coroarse como vencedor absoluto senón tamén a bater o récord desta proba ciclista. Ubaldo Rodríguez de Oliveira, do Máster Morrazo, asinou o alto da Groba (Oia) cun tempo de 38 minutos e 15 segundos, trinta e seis segundos menos que o tempo que este mesmo corredor fixo hai dous anos. O vencedor afirmou que o Desafío se trata dunha proba dura pero espectacular, polo percorrido polo que discorre. A só un segundo del, nun sprint de infarto, finalizou a cronoescalada Luis Lombao, do Norinver Clycing Team, cun tempo de 38:16 e, en terceiro lugar, cun tempo de 38:22 fíxoo Mario García Ontiyuelo, do Club Oiense, e vencedor do ano pasado; que encomiou a forza dos seus opoñentes no podio: “Este ano os rivais foron moi fortes e no sprint non había nada que facer”. Os tempos dos tres vencedores deste ano foron notablemente mellores que os da pasada edición xa que hoxe había vento favorable que axudou a baixar considerablemente o tempo en comparación cos 41:21 do vencedor do ano pasado.
Na categoría feminina o mellor tempo absoluto foi para Eva Piñel, con 47:23, seguida de Bryuony Izzard, con 53:34, e Alicia Cordeiro, con 57:44. Piñel afirmou ao termo da proba que nalgúns momentos “fíxose dura, coa presenza dalgún cabalo polo medio pero é unha carreira non só para competir senón tamén para gozar”.
A proba está organizada polo Hotel Talaso Atlántico e o Team Oiense Turonia Maglia e está composta por un percorrido de 60 quilómetros que inclúe unha cronoescalada de 17 quilómetros entre o Mosteiro de Oia e o alto da Groba, con 606 metros de desnivel. Todos os protagonistas do podio desta edición destacaron a dureza da proba e a espectacularidade do lugar onde se disputa, favorecido isto último co bo tempo que fixo.
“É unha proba onde evidentemente hai competitividade pero queremos que sexa unha festa do ciclismo”, comentou Aser Estévez, presidente do Club Oiense. “É, desde logo, un evento deportivo duro pero temos o exemplo de Santiago Iglesias que aos seus case 75 anos participa na proba todos os anos, desde a primeira edición e espero que por moito tempo máis”, engadiu.
Por idades, na categoría 15-20 masculina os tres mellores tempos fixéronos Miguel López, Javier Sanz e Ignacio Outeiriño; de 21 a 30 anos, os vencedores foron Mario García, Jorge Álvarez e Ivo Maseda; entre 31 e 40; Nuno Sampaio, Miguel Porto e Aitor Gandía; de 41 a 50; Ubaldo Rodríguez de Oliveira, Luis Lombao e César Blanco; de 51 a 60, Luis Rodríguez, Jesús Montorio e Manuel Fernández; de 61 a 70, Antonio Adolfo Cale, Francisco Javier Mallo e Manuel Sartal e, finalmente, na categoría de 71 a 80 anos, Santiago Iglesias foi o vencedor, como único participantes desta franxa de idade.
En categoría feminina, só participaron corredoras de entre 21 a 30 anos onde a vencedora foi Eva Piñel, seguida de Bryony Izzard e Alicia Cordeiro; e na categoría de 31 a 40 anos que o podio estivo protagonizado por Noemí Pena, Carmen Fraga e Rebeca Filgueira.