Nigrán incorpora ás súas actividades culturais municipais o teatro para maiores

O Concello de Nigrán suma á súa oferta cultural específica para maiores a actividade de teatro ao estar demostrado que é unha ferramenta especialmente axeitada para mellorar a calidade de vida das persoas. Así, por vez primeira no municipio, ofrécese un novidoso curso desde outubro e ata xuño dirixido especificamente á veciñanza maior de 60 anos e/ou pensionistas xubilados. O custe total é de 25 € e desenvolverase a cargo do grupo local Teatro do Ar os luns no Centro da Terceira Idade da Ramallosa de 17:30 a 19:00 horas. As persoas interesadas poden apuntarse na Oficina de Información Cidadá do Concello a partir do xoves 28 de setembro, distribuíndose as 15 prazas por rigorosa orde de inscrición.

“Durante todo o ano ofrecemos desde o Concello diferentes cursos de envellecemento activo e agora sumamos este como actividade municipal específica porque está demostrado que está moi indicado para facilitar a integración social, a memoria e mesmo a mobilidade”, explica o alcalde, Juan González. “Cómpre destacar que os maiores son, precisamente, o público que máis acude ao teatro cada vez que o Concello ofrece funcións no Auditorio”, explica a edil de Maiores María Mayán, quen recoñece que foron eles mesmos os que demandaron esta actividade deseñada ex-profeso para súa idade. “Non poden ser textos longuísimos, pero si pezas curtas que poidan memorizar facilmente, estarán exercitando o corpo e a mente dunha forma lúdica e creativa á vez que socializan”, engade sobre esta iniciativa pioneira.

Precisamente, o director de Teatro do Ar, Pedro Rodríguez, destaca tamén os beneficios do teatro para a saúde e engade que tamén se trata de atopar “talento agochado entre a terceira idade” e de que comprendan que “hai moitos límites que aínda se poden superar”.

O obxectivo é establecer esta actividade de xeito permanente e que culmine cada curso cunha representación teatral. Paralelamente, o Concello continúa a ofrecer a actividade de teatro para toda a poboación a través da Escola Municipal de Teatro creada no ano 2022 e dirixida, precisamente, por Teatro do Ar; igualmente, e especificamente para maiores, o Concello seguirá ofrecendo os clásicos cursos de envellecemento activo que se inician cada ano de xaneiro a decembro e que comprenden “Vivilo Corpo”, “Informática” e “Memoria”.