Comeza a veda da centola e do boi na provincia de Pontevedra

A veda da centola e do boi na parte litoral que vai desde A Guarda ata cabo Corrubedo e de cabo Corrubedo ata cabo Estaca de Bares comeza este sábado, 22 de xuño, e prolongarase ata o vindeiro 10 de novembro, día incluído. Na zona comprendida entre cabo Estaca de Bares ata o río Eo, incluíndo a ría do Barqueiro, a veda comezará o 28 de xuño, sábado, e prolongarase ata o vindeiro 1 de decembro.

Así o especifica a resolución pola que se aproba o plan de xestión destas especies para a campaña 2019-2020, que establece o período de veda para este ano nas provincias da Coruña e Pontevedra dende as 00,00 horas do sábado, 22 de xuño ata as 00,00 horas do domingo, 10 de novembro. Na provincia de Lugo a veda prolongarase das 00,00 horas do día 28 de xuño ata as 00,00 horas do domingo, 1 de decembro.

Desde o 12 de novembro de 2018, día desde o que estivo autorizada a extracción da centola, ata a actualidade vendéronse nas lonxas galegas máis de 490 toneladas desta especie por un importe de máis de 4,5 millóns de euros segundo os datos provisionais. En canto ao boi, desde o 12 de novembro de 2018 ata a actualidade, poxáronse nos centros de primeira venda de Galicia máis de 20 toneladas desta especie por un importe que superou os 184.000 euros.

O período de veda significa que queda expresamente prohibida a captura destas especies para todas as embarcacións por medio de calquera arte na nosa comunidade. Así as embarcacións dedicadas á captura de centola e boi con nasas deberán retiralas do seu calado e levalas a porto.

A veda é unha das medidas que contribúe a aumentar a biomasa e a regular a pesqueira da centola e do boi co fin de axustar a xestión pesqueira ao ciclo de vida da especie e así protexer a súa reprodución e contribuír a unha explotación máis sustentable.

Anuncios