
Este sábado 23 de setembro celébrase o XV Rally Ciudad de Vigo. A proba celébrase na modalidade de regularidade non deportiva para vehículos clásicos, no que non prima a velocidade, senón a táctica e a orientación, así como o traballo en equipo e a compenetración entre a piloto e copiloto. Nesta proba, os vehículos participantes deben ser anteriores a 1975, permitíndose unicamente participar determinados modelos de vehículos entre 1975 e 1980.
Ao longo das 14 edicións anteriores, puidéronse observar nos parques pechados os vehículos máis importantes no mundo dos rallys dos anos 50, 60 e 70. Participaron Austin Healey e Jaguar XK que dominaron os rallys nos anos 50, Mercedes 220S que participaron con gran éxito nos rallys daquela época. Entre os vehículos dos anos 60, destacar a presenza de Austin Cooper S, dominadores da primeira parte da década (con 3 vitorias consecutivas en Montecarlo), Renault 8 Gordini, Alpine A110, Sumbean Alpine, MG, Porsche 356, Lancia Fulvia; Saab 96 habituais na segunda parte dos 60. Entre os habituais dos setenta, puidemos ver nas distintas edicións do Rally vehículos como Ford Escort (MK1 e MK 2), Porsche 911, SIMCA Rally, BMW 2002, Lancia Stratos etc.
A edición deste ano do Rally Ciudad de Vigo arrancará ás 11:31 horas do Centro Comercial Gran Vía de Vigo, onde se realizarán as verificacións técnicas e administrativas dos vehículos e, despois de percorrer aproximadamente 200 Km. pola provincia de Pontevedra, terminará cunha cea de entrega de premios no Parador de Baiona. Os vehículos chegarán a partir das 19:45 horas. Os participantes tamén contarán cun descanso para xantar en Arbo, onde poderán repoñer forzas para poder continuar ata a cea. Terá lugar unha parada a media tarde no Porriño.
O parque pechado estará composto por 40 equipos, incluíndo a presenza de equipos portugueses, que lle deron un carácter internacional á proba. Neste ano están inscritos algúns dos modelos máis importantes da historia dos Rallys, veremos Alfa Romeo GTV 2000, Fiat Lancia Fulvia, Porsche 911, Ford Escort, BMW 2002, Austin Cooper S, Datsun 260Z así como unha nutrida representación de Roadster Británicos dos anos 50 e 60, destacando Jaguar XK, MGA, MGB, Austin Healey, Triumph Spitfire ou Morgan.