Lucenza retoma o seu club de lectura coa presentación dun guión do cineasta e escritor Ignacio Vilar

Lucenza – Ateneo de Nigrán organiza este mércores 20 de setembro ás 18:30 horas no Centro da Terceira Idade da Ramallosa (antiga estación do tranvía) a súa primeira sesión do club de lectura “Compartindo libros” neste novo curso.

Ao encontro de lectores e lectoras está convidado o cineasta e escritor Ignacio Vilar, Premio da Cultura Galega e director de películas como A esmorga, Ilegal, Pradolongo, Vilamor, Sicixia ou María Solinha.

O cineasta presentará neste acto “Aura 1964”, guión cinematográfico da súa autoría, publicado en 2021 pola Editorial Galaxia. O acto será presentado pola compañeira do Ateneo Delfina Meire e no mesmo as persoas participantes poderán compartir un coloquio co autor.

O club de lectura “Compartindo libros”, que entra agora no seu terceiro ano de actividade ininterrompida, quere convidar a toda a cidadanía a participar nesta iniciativa, aberta e de balde, centrada no goce da lectura de libros en lingua galega.