Baiona ofrece un obradoiro de arte terapia para mulleres

O Concello de Baiona abre o prazo de inscrición para participar no obradoiro de arte terapia “Ti creas, expresas, contas: Ti transformas”, dirixido a mulleres co obxectivo de promover o desenvolvemento da creatividade e da capacidade de expresión desde un espazo de reflexión, así como fomentar a resiliencia. A actividade é gratuíta e desenvolverase no Multiusos de Sabarís no mes de outubro, os días 10, 17, 19, 24, 26 e 31 en horario de mañá de 10:00 a 13:00 horas. O obradoiro é coordinado e impartido pola artista Irene Silva, que xunto coas alumnas participantes elaborará unha mostra colectiva que visibilice a importancia da participación para alcanzar obxectivos sociais.

A arteterapia é unha disciplina pola que, usando materiais das artes plásticas, favorece o proceso de reflexión e desenvolvemento persoal a través do proceso creativo e de expresión artística. Realízanse actividades plásticas para conseguir relaxación, conciencia corporal, afrontamento do estrés e da ansiedade. Trabállase o autoconcepto, a autoimaxe e autoestima, incrementando a motivación e a enerxía vital entre outras moitas cousas. En definitiva, conseguir un desenvolvemento persoal por medio da arte.

Aquelas mulleres interesadas en participar na actividade deben inscribirse no Centro Municipal de Información á Muller de Baiona (CIM). Para máis información poden contactar no CIM no teléfono 986 35 75 54.