Baiona inicia a elaboración da súa primeira Relación de Postos de Traballo

O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Alumiña, reuniuse este mediodía coa empresa encargada de realizar a Relación de Postos de Traballo (RPT) e co persoal municipal nunha primeira asemblea informativa para dar a coñecer aos traballadores e traballadoras en que consiste este instrumento utilizado polas administracións para a organización dos seus recursos humanos. O Alcalde, acompañado polo seu equipo de goberno, quixo informar de primeira man o persoal acerca da elaboración do que será a primeira RPT do Concello e que permitirá realizar unha valoración dos postos de traballo do persoal municipal, axustalos ás necesidades actuais de servizo aos veciños e expor que postos será necesario crear nun futuro.

O Concello non tivo nunca unha RPT e a última valoración de postos é de hai un tempo. “Desde entón hai moitos traballadores xa xubilados, postos que se extinguiron e outros de nova creación, ou persoas que veñen desempeñando funcións de superior categoría ao seu posto que hai que valorar e actualizar”, apuntou Vázquez Almuiña. Todo iso “queremos regularizalo e que quede constancia na RPT”, e “nós consideramos que é a base de Persoal nun Concello: valorar que se está facendo e o que necesitamos para futuras contratacións”, concluíu.

Unha vez concluído o traballo de campo, “analizarase o que hai e valorarase, acordado coa representación sindical dos traballadores, que características deben ter os postos que queremos no Concello de Baiona”, detallou o rexedor baionés. Como insistiu, “será un traballo de consenso; nós no tema de Persoal queremos que as cousas sexan acordadas cos representantes sindicais”, destacou Vázquez Almuiña, que espera que “estes traballos sexan satisfactorios para ambas as dúas partes”.

O equipo de goberno considera “necesario” acometer a valoración dos postos de traballo do Consistorio e a “adaptación” das súas funcións aos tempos actuais e á demanda que os servizos aos veciños e veciñas requiren.