A AVTG solicita da Xunta un novo Plan de Transporte que recolla todas as alegacións presentadas

A Asemblea Veciñal por un Transporte Digno para Gondomar (AVTG), presentou onte as súas alegacións ao Anteproxecto de explotación para a comarca do Baixo Miño e sur da comarca de Vigo (clave XG883), nas que conclúen por pedir a súa retirada e a redacción dun novo anteproxecto que se axuste ás necesidades reais da veciñanza de Gondomar, no que se teñan en conta todas as alegacións presentadas até agora, e que se someta o expediente a un novo trámite de información pública.

A AVTG considera que nas alegacións presentadas, queda suficientemente evidenciado que o proxecto foi publicado nunha época non acaída e por reducido espazo de tempo, que presenta multitude de defectos de forma e contido, que a proposta trasladada é a todas luces insuficiente, que vulnera dereitos e contravén incluso os propios propósitos da Dirección Xeral de Mobilidade enunciados na Lei de Transporte Público de Galicia e na propia memoria do anteproxecto. Un cúmulo de factores que en si mesmos deberían invalidar o documento para o seu estudo e alegación.

Así as cousas, a AVTG trata de introducir modificacións de calado na mediocre proposta da Xunta: liñas circulares de comunicación das dez parroquias do concello entre si e coa Vila, de comunicación entre os tres concellos do Val Miñor, e conexión co resto dos concellos da zona (Baixo Miño e a Louriña); liñas de conexión cos polígonos industriais da zona (A Pasaxe, Porto do Molle, PTL-Valadares, zonas industriais de Mos e O Porriño); conexión directa de Gondomar co CUVI e co Meixoeiro; ampliación de horarios, sobre todo nas fins de semana; incremento de frecuencias na comunicación con Vigo nos días laborables de forma que saia unha liña cada media hora; e mesmo unha proposta de modificación integral do servizo máis semellante ao sistema de interconectividade do metro, que ten demostrado unha grande eficiencia.

Desde a AVTG póñense á disposición da Dirección Xeral de Mobilidade para explicar a súa proposta e para debater o que fose preciso no camiño de conseguir un novo anteproxecto que realmente dea solución sostible aos problemas de mobilidade e comunicación do concello e do conxunto da zona á que se dirixe.

CONVOCATORIA DE CONCENTRACIÓN E RECOLLIDA DE SINATURAS

Para continuar coa acumulación de apoios ás alegacións, a AVTG seguirá recollendo sinaturas até o sábado 31 de agosto e convoca concentración diante do Concello para ese día ás 12 da mañá.
“Con esta concentración, ademais de seguir presionando á Xunta para que modifique o plan de transporte, solicitaremos do Alcade que no primeiro pleno de setembro se inclúa un punto no que se solicite o apoio de toda a corporación ás alegacións da Asemblea Veciñal”.

AVTG – Alegacións Anteproxecto XG883 – 22082019

Anuncios