
Os incendios forestais son un dos problemas máis importantes que temos no noso país cada ano. “O evidente cambio climático e o desleixo sistemático da Xunta de Galiza en materia de prevención inciden de xeito notable en que os incendios que se producen sexan máis agresivos, perigosos e desestacionalizados”, apuntan desde o BNG de Baiona.
“Cada ano a Xunta de Galiza dificulta administrativamente máis a creación de brigadas que non sexan de certas empresas. Así, a eliminación das brigadas das mancomunidades e comunidades de montes, hai que engadirlle as dificultades administrativas que impón para a creación de brigadas municipais. É por esta razón que o anterior goberno de Baiona no que levábamos esta área, creamos unha bolsa de empregadas e empregados para poder axilizar os prazos administrativos de contratación”, recordan os nacionalistas.
“Aínda así, o actual goberno do PP foi incapaz de xestionar a creación da brigada municipal de prevención e extinción de incendios forestais para este ano 2.023, deixando por primeira vez en moitos anos, a Baiona sen protección propia para a defensa de incendios forestais”, conclúen desde o BNG.