Sin categoría

Nigrán e Baiona, as máis prexudicadas pola falta de persoal en Correos no verán

CSIF Correos, xunto ás restantes organizacións sindicais, levaron as súas protestas á comarca de Val Miñor cunha concentración na Ramallosa na que advertiron sobre a sobrecarga de traballo que se produce nestas oficinas, principalmente nas de Nigrán e Baiona, xa que duplican a súa poboación durante os meses de verán, “sen que se produza un reforzo do persoal equivalente para asumir as necesidades do servizo”.

A portavoz da Central Sindical, Patricia Iglesias, fíxose eco tamén das pésimas condicións nas que traballa o persoal destas oficinas, que denuncian como reciben permanentemente os avisos de solicitudes de recollida nos seus móbiles particulares e non dispoñen de fontes de auga nos centros a pesar das elevadas temperaturas que se producen na zona durante o verán.

Sobre os datos concretos de déficit de persoal por non cubrirse as baixas (médicas, por vacacións ou por xubilación), Iglesias afirmou que nesta comarca falamos dun total de 29 seccións, das cales: 4 en Nigrán, 5 en Gondomar, 3 en Baiona e 3 en Santa María de Oia vense afectadas por esta política de recortes e de non incorporar novos efectivos “a pesar dese incremento do volume de traballo polo aumento poboacional”.

O calendario de mobilizacións continuará esta semana, informou, con concentracións en Lalín e Vilagarcía. Entre as principais queixas que expoñen, lembrou:

  • Días libres e/ou vacacións condicionadas pola falta de contratación de persoal de reforzo.
  • Contratación baixo mínimos do persoal eventual que pertence a bolsas de emprego, a pesar de que as cargas de traballo aumentan.
  • Restricións na entrega de uniformes.
  • Mantemento do parque móbil moi deficiente e menos unidades, o que obriga a ter que compartir moitas delas.
  • Subcontratas (de limpeza ou seguridade) á baixa.