
O Concello de Baiona, a través da Concellería de Cultura dirixida por Policarpo Vilar Misa, levou a cabo durante esta fin de semana unha serie de actividades en homenaxe a Diego Carmona, Vasco Gómez Gallego, Vasco Gallego e Vasquito (fillo de Vasco Gallego). Desde o departamento municipal quíxose honrar aos mariños de Baiona que navegaron con Magallanes e Elcano no 501 Aniversario da Primeira Circunnavegación á Terra.
Os actos centrais da homenaxe tiveron lugar este domingo, 10 de setembro, ás 20:00 horas na confluencia das Rúas Vasco Gallego e Diego Carmona, onde se descubriu unha placa conmemorativa en recordo destes catros mariños de Baiona. O Concelleiro de Cultura, Policarpo Vilar Misa, estivo presente xuntos a outros membros da Corporación Municipal. O Alcalde, Jesús Vázquez Almuiña, ausentouse do acto para dirixirse a Sabarís, ante o grave incendio acontecido nos viveiros deste barrio de Santa Cristina da Ramallosa.
Acto seguido, sobre as 20:15 horas, a Igrexa de Santa María de Baiona acolleu o concerto “Pangea” de Abraham Cupeiro. Foron moitas as persoas que se achegaron ata o templo para gozar deste peculiar recital. Durante o concerto soou desde a austral Oceanía cos ecos das súas buguinas, ata as misteriosas montañas chinesas que o son do Hulusi debuxa coas súas melismáticas melodías. Grandes chairas de América do Norte, selvas como as de Sudamérica, a flaute Peule de Senegal, a Gaita Búlgara, a desafiante Zurna e as milenarias cornas de pastor.
Os actos comezaron xa o venres 8 de setembro, cando o Monte Real Club de Yates de Baiona acolleu ás 19:30 horas unha conferencia baixo o título “Unha odisea para lembrar, un mundo para explorar e unha poboación para esquecer: Encontros e desencontros na primeira viaxe a América”. A profesora titular do Departamento de Historia da arte da Universidade de Santiago de Compostela, Begoña Fernández Rodríguez, foi a encargada de ofrecer este interesante relatorio. O sábado día 9, no mesmo emprazamento e á mesma hora, o Doutor en Historia Moderna e escritor José Calvo Poyato, conversou de “A primeira volta ao mundo de Juan Sebastián Elcano e as súas relacións con Galicia”. Ambos os dous relatorios contaron cun gran número de asistentes.
Desde a Concellería de Cultura do Concello de Baiona infórmase de que se seguirá traballando para poñer en valor a historia da Real Vila e a súa xente, pois se conta cun gran pasado que hai que sacar á luz e poñer en valor.