
Carmen naceu e viviu sempre na Mámoa (Priegue). Naceu o 8 de setembro de 1923 e tivo tres fillos, José, Daniel e Vicente (Tito). Durante moitos anos estivo co seu fillo Tito ao fronte do quiosco “Tito” de Priegue. Lembra cando nena o duro que foi a guerra civil con toda a lea que había na Mámoa. “Eu era moi medorenta e miña irmá maior era a que me protexía. Tiven tres fillos que criar e traballei moito para sacalos adiante. Fun á escola en Rouxo, onde era casa de Manuel Alonso ‘o muiñeiro’, que fora un bo Alcalde e unha mellor persoa, a mestra me tiña moito aprecio porque era boa estudante. Íamos andando a todos lados, non había luz e os camiños eran estreitos e cheos de lama de terra, a vida era moi diferente ao que hai agora pero saímos adiante”.
Celebrou o aniversario na residencia de maiores “Siempre Cuidándote” de Tomiño acompañada de seu fillo Tito, a súa neta Belén, a súa bisneta Antía “a nena”, súa sobriña, a nora (muller de Daniel, seu fillo que morreu), e o Alcalde de Nigrán. “Un pracer acompañar a Carmen e á súa familia nun día tan especial como cando se cumpren 100 anos e atopala ademais cunha mente tan lúcida e lembrando como era a vida en Priegue nos moitos anos da súa vida”, declara o Alcalde de Nigrán, Juan González.