
Este próximo venres 3 de febreiro ás 20:00 horas o IES Auga da Laxe organiza un concerto aberto ao público co obxectivo de recadar fondos de axuda para financiar a viaxe de fin de etapa do alumnado de 4º de ESO a Madrid. No concerto actuarán o grupo de música de 4º de ESO e tamén Los Afrancesados, un dos grupos residentes dos obradoiros de música que funcionan no instituto baixo a coordinación do profesor Sergio Álvarez. As entradas-doazón custan 5 euros e poden adquirirse no acceso ao instituto desde media hora antes do concerto. O evento está aberto a toda a comunidade educativa e a todo o público que queira coñecer o traballo que se fai desde as aulas de Música do instituto e, ao mesmo tempo, colaborar co alumnado de 4º de ESO no financiamento da súa viaxe de fin de etapa a Madrid, que se realizará no mes de marzo.