A Xunta elimina un punto de vertedura de augas residuais urbanas cara á baía de Baiona

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de eliminar un punto de vertedura de augas residuais cara á baía de Baiona. Os técnicos do Programa de Control de Verteduras, dependente de Augas de Galicia, localizaron este punto de vertedura tras unha alerta comunicada polo Servizo de Emerxencias do 112.

Os inspectores autonómicos desprazados á zona localizaron deficiencias nunha estación de bombeo de augas residuais que filtraba á ría a través do muro que conforma o paseo marítimo da avenida Elduayen, nunha das marxes da praia da Ribeira. Estas deficiencias foron comunicadas á empresa concesionaria do servizo municipal de augas para que adoptase as medidas oportunas para a emenda da vertedura.

Nunha nova inspección xirada ás instalacións por parte do persoal inspector, constatouse o arranxo da incidencia no bombeo, restablecéndose o réxime de traballo do colector de saneamento e a eliminación da vertedura irregular ao dominio público.