
O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, a Delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e varios concelleiros do equipo de goberno, participaron esta mañá xunto a veciños e veciñas na andaina e o obradoiro que desde o Concello organizouse con motivo do Día Mundial da Prevención do Suicidio co obxectivo de contribuír a frear esta secuela e concienciar á sociedade baionesa. A Concellería de Política Social en colaboración coas Concellerías de Deportes e Turismo estiveron traballando nun proxecto transversal que tivo como resultado unha soa actividade na que se conxuga exercicio físico, o coñecemento e a forma de actuar ante o problema e a sociabilidade e o desfrute do lecer de forma conxunta.
A xornada comezou ás 10:00 da mañá cunha andaina polo Casco Vello. O punto de partida foi a porta do Concello e as persoas participantes foron acompañadas por un guía. Ás 11:00 a Casa da Navegación acolleu un obradoiro de prevención do suicidio baixo o título “Mitos sobre o suicidio: factores de protección (habilidades sociais, autoestima…) recursos dispoñibles”. A Asociación de Saúde Mental Avelaíña e os seus usuarios da sede de Baiona tamén participaron activamente nas actividades. Desde a Xunta de Galicia tamén quixeron apoiar esta iniciativa coa presenza da súa Delegada en Vigo.
“Debemos concienciar á cidadanía da importancia de combater esta secuela silenciosa. Todos podemos axudar se coñecemos mellor como actuar. Estamos nun momento social crítico, persoas de todas as idades con problemas de saúde mental ou enfermidades que finalmente están acompañadas de problemáticas deste tipo. Os servizos sociais están estigmatizados e as persoas que o utilizan e achéganse a estes servizos, fano como último recurso. Os obxectivos que se pretenden conseguir con este proxecto son traballar de forma transversal a problemática da saúde mental, visibilizar os servizos sociais desde a prevención e mellorar a saúde mental mediante o exercicio físico, sociabilidade e o lecer. Sumado a isto, preténdese tamén achegar á cidadanía aos servizos mediante a explicación dos recursos que teñen á súa disposición”, destacou o Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña.
O 10 de setembro é o Día Mundial de Prevención do Suicidio e desde o Concello de Baiona quíxose aproveitar esta data para dar comezo a este proxecto que achega a saúde mental aos veciños e veciñas. Trátase da primeira acción deste proxecto que ao longo destes meses irá dando visibilidade a diferentes doenzas mentais.