
O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publicou este martes 5 de setembro o anuncio coa apertura do prazo para a solicitude de subvencións do Concello de Nigrán para as diferentes entidades do municipio (culturais, veciñais, festeiras ou deportivas). O prazo de solicitude é de un mes a partir do día seguinte á súa publicación, finalizando o 6 de outubro. A partida orzamentaria destinada desde o Concello mantense en 75.000 €. Coma sempre, as beneficiarias deben estar inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións do Concello de Nigrán.
“O noso compromiso é de máxima colaboración con todos os colectivos do municipio, que son os grandes promotores das actividades lúdicas, culturais, deportivas ou festeiras, por iso imos continuar con esta liña de axudas”, explica o alcalde, Juan González, quen encomia o seu “traballo desinteresado na promoción de todos estes aspectos que fan comunidade e que xeran un Nigrán máis amable para as persoas”.
Mantéñense as bases aprobadas en sesión plenaria no 2018, destinándose á liña de actividades culturais 20.000 euros en total (2.000 € tope por entidade), de 25.000 € á de fomento do asociacionismo (1.500 €/máximo por entidade) e de 30.000 € á de fomento da práctica deportiva, establecéndose un mínimo de 1.000 euros por asociación solicitante para participar en competicións oficiais e por outra banda un máximo de 1.500 euros para a realización de actividades deportivas nas que se valorará a duración, antigüidade da mesma, número de persoas beneficiarias e, novamente, que sexa un deporte tradicional galego, coma é o caso dos bolos celta.