Nigrán permitirá o acceso de cans a todas as praias durante o verán

Os cans serán benvidos no próximo verán en todas as praias de Nigrán de 22:00 a 9:00 horas. O cambio na actual ordenanza municipal de convivencia cidadá e ornato público producirase nun próximo Pleno tras realizar o Concello de Nigrán a súa primeira consulta pública da Historia cun 74,2% dos votos favorables a este cambio concreto.

“Considera vostede oportuno regular a presenza de animais nas praias do municipio de xeito que no período estival poidan acceder a elas entre as 22:00 e 9:00 horas? (actualmente, entre o 1 de xuño e o 30 de setembro, está prohibida a presenza de animais en todos os areais de Nigrán agás na Praia do Carreiro e Praia do Canto)”. Esta pregunta e a súa explicación obtivo un total de 956 respostas das que 710 resultaron favorables ao troco e 246 en contra. A veciñanza emitiu o seu voto desde o 22 de xullo e ata o 15 de agosto a través maioritariamente dun formulario web feito ao efecto e unha minoría a través de escrito por Rexistro (curiosamente, o 100% dos votos mediante esta vía foi negativa).

“Recibíamos cada verán queixas a favor e en contra e queríamos saber a opinión xeral da veciñanza; actuaremos en consecuencia e daremos marcha atrás no momento en que supoña un problema de salubridade se non se recollen os excrementos”, incide o alcalde, Juan González, quen o verán pasado deu o paso para permitir a presenza de cans durante o período estival nas praias de O Canto e Carreiro, ademais de ser un municipio pioneiro na instalación de sanecáns no 2017 para depositar as cacas das mascotas.

Multas graves

O alcalde de Nigrán incide en que, como contempla a ordenanza e non se pretende modificar, os cans deberían pasear pola praia atados por correa como nos demais espazos públicos do municipio e, igualmente, é totalmente obrigatorio que o dono recolla os seus excrementos. “Imos ser especialmente vixilantes de que os donos recollan as cacas porque, do contrario, se considerará unha infracción grave con multas de ata 600 € por ser este un espazo de convivencia onde acoden cada día milleiros de persoas, entre eles nenos que, precisamente, veñen a xogar na area; este é xa un motivo suficiente para que non se poida soltar o can e que defeque en calquera lugar onde o dono non o pode controlar e para que non poidan acceder fóra de horario”, insiste o alcalde, quen ve nisto “unha liña vermella” para que funcione a convivencia entre bañistas polo día e donos de cans pola noite e primeira hora da mañá.

“Esta é a primeira consulta pública que facemos pero virán máis ao longo deste mandato como unha fórmula máis de participación e transparencia”, finaliza.