Baiona celebra a Romaría da Virxe da Rocha

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ // Virxe da Rocha.

Baiona atópase inmersa nos preparativos dunha das súas romarías máis importantes do ano: a da Virxe da Rocha. Este domingo 27 de agosto o parque “Mercedes de la Escalera” acollerá esta tradicional romaría baionesa a partir das 12:00 do mediodía. Ás 13:00 horas celebrarase a Misa Solemne aos pés do monumento e acto seguido actuará a Asociación Folclórica Vila de Baiona e a Asociación Cultural “A Seneira”.

Ao redor das 14:00 horas está previsto que comece a tradicional comida campestre composta de sardiñas, pan de millo e viño. Degustaranse para a ocasión máis de 200 quilos de sardiñas, 200 quilos de pan de millo e 200 litros de viño do país a 4 euros a ración para todos os romeus que se acheguen o domingo aos pés do monumento da Virxe da Rocha. (Realizarase se o índice de risco diario de incendio forestal permíteo).

Como novidade este ano, entre as 16:00 e as 18:00 horas haberá xogos tradicionais e animación infantil. Xa pola noite a Praza do Concello acollerá o concerto de Antonio Barros a partir das 22:30 horas.

A historia da Romaría da Virxe da Rocha

A Romaría da Virxe da Rocha é organizada polo Concello de Baiona preservando inalterables os costumes e tradicións da Vila de Baiona que se remontan ao 18 de setembro de 1910, data na que se colocou a primeira pedra do monumento e na que se depositou unha caixiña de zinc contendo dúas moedas de ouro, dúas de prata e dúas de bronce, xunto cunha copia da acta de tal acontecemento.

A súa construción foi posible por subscrición popular e por unha importante colecta de emigrantes españois en Cuba. A escultura foi inaugurada o 14 de setembro de 1930 e ao longo dos anos foi festexada con diversos actos e cerimonias relixiosas e profanas que aínda hoxe en día seguen repetíndose como marca o costume e tradición o último domingo de agosto ao pé do monumento.