Pacientes de diálise de Ribera Povisa realizan exercicios con fins terapéuticos nas sesións de hemodiálise

O servizo de Rehabilitación, conxuntamente co servizo de Nefroloxía de Ribera Povisa, puxo en marcha un Programa de Rehabilitación Intradiálise (PRID) para que os pacientes cunha enfermidade renal crónica realicen exercicio terapéutico baixo a supervisión e as indicacións dun fisioterapeuta durante as sesións de hemodiálise no hospital.

Cando o paciente acode á consulta, o médico fai unha avaliación inicial apoiado en varios cuestionarios, cos que determina se está indicado no seu caso a aplicación do programa e en que grao. O servizo de rehabilitación realiza varias probas funcionais para poder obxectivar a situación do paciente e propoñer un plan. Tras informar tanto o paciente como aos seus familiares, e co seu consentimento, o servizo de rehabilitación elabora un programa de exercicios individualizado e específico para as condicións físicas de cada persoa.

Unha vez iniciada a sesión de hemodiálise, cando o paciente está xa conectado ao monitor, realízanse varias series de exercicios aeróbicos, anaeróbicos e de forza, guiados polos profesionais sanitarios.

O fisioterapeuta dirixe as sesións, que duran uns 45 minutos, e comproba que os exercicios se adecúan ás condicións do paciente no día do tratamento. En caso de presentar dores ou baixadas de tensión, tanto antes como durante a sesión, axústanse os exercicios ou ben se suspende a actividade. Así mesmo, médico e fisioterapeuta realizan un seguimento periódico de cada paciente para avaliar os seus beneficios, e modificar, de ser necesario, a frecuencia, intensidade, duración e tipo de exercicio.

“Como é unha patoloxía crónica o que buscamos é mellorar a calidade de vida, facer aos pacientes máis funcionais, baixar os índices de discapacidade e, sobre todo, mellorar a forza e a súa capacidade aeróbica”, explica o fisioterapeuta Brais Sousa Estévez, que dirixe as sesións na unidade de hemodiálise de Povisa tres veces por semana. “Empezamos co programa a finais de febreiro e estamos a traballar semanalmente con catro pacientes que se mostraron sempre moi colaboradores”.

O programa de rehabilitación intradiálise achega beneficios aos pacientes tales como aumentar a axilidade e flexibilidade corporal, previr a sarcopenia e a osteopenia, aumentar a enerxía, axudar a controlar a diabetes e colesterol, reforzar os sistemas cardiovasculares e circulatorios, e mellorar o estado de ánimo, ademais de facer máis levadías as sesións de hemodiálise que adoitan durar unhas 4 horas.

Así mesmo, instrúese a todos os pacientes para que inclúan estas rutinas e exercicios de forma autónoma en casa, unha vez adaptados ás súas condicións.

“Tras os bos resultados obtidos nestes meses, esperamos poder ampliar o programa ao resto de quendas de diálises”, explica Carlos Cáceres, supervisor de Rehabilitación de Povisa. “A intención é que estes programas de exercicios terapéuticos poidan ser aplicados noutros servizos e que se vexan beneficiados pacientes doutras áreas, tales como os oncolóxicos, xeriátricos ou os ingresados en UCI”.

Os últimos estudos revelan que en España aproximadamente 7 millóns de persoas padecen unha enfermidade renal crónica e que unhas 64.600 están en tratamento renal substitutivo. Na última década, o número de pacientes que necesitaron diálise ou transplante renal aumentou un 11%.