Sin categoría

O proxecto de podcast El Role, Premio Mariano Aguado de Comunicación

O proxecto de podcast El Role, creado e dirixido polo xornalista valenciano Nacho Gómez-Zarzuela, foi distinguido este ano co premio Mariano Aguado de Comunicación, un galardón que se entregará en Baiona durante a gala dos Premios Nacionais de Vela Terras Gauda do próximo 2 de setembro.

Tras máis dunha década como especialista de vela do diario Marca, cubrindo in situ dous Xogos Olímpicos (Pequín 2008 e Londres 2012) e regatas oceánicas como a Volvo Ocean Race, Gómez-Zarzuela decidiu en 2015 tomar o seu propio camiño. A partir dese momento, o valenciano estivo involucrado en grandes proxectos do mundo da vela como a volta ao mundo ou o Valencia Boat Show, que dirixiu durante dous anos, ata que finalmente en 2021 naceu El Role.

Centrado exclusivamente no mundo do mar e coa náutica e a vela como protagonista, El Role está dispoñible para subscrición tanto en Plaza Radio de Valencia como en múltiples plataformas de podcast, e conta con tres formatos diferentes: La Bitácora como un espazo de actualidade semanal; as Historias del Role, que se estreou cun serial da Copa América; e as Entrevistas del Role, onde se dá voz a moitos dos grandes regatistas e figuras máis destacadas do mundo da vela.

“Recibir este premio é unha honra tan enorme como inesperado”, explicaba Gómez-Zarzuela ao coñecer a noticia. “El Role é un proxecto pequeno en termos de audiencia e económicos e moi novo, xa que levamos só dous anos de vida. Eu sinto coma se a un pequeno documental experimental déranlle un Goya”.

“Gustaríame dedicar este premio á La Marina de Valencia porque apoiaron o proxecto desde o minuto cero e a todos os regatistas españois, que nos atenden semana tras semana cun agarimo enorme. Creo que esa podería ser unha das claves de El Role, que é un podcast feito por navegantes para os navegantes e que son eles mesmos os que o potenciaron falando ben de el”, finalizou.