A Xunta destaca a necesidade de cooperación e implicación de todas as administracións nas axudas polos incendios

FOTO: XUNTA DE GALICIA // Alfonso Rueda na reunión sobre os incendios na Delegación no Goberno.

O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, destacou hoxe a necesidade da cooperación e da implicación de tódalas administracións públicas á hora de conceder axudas polos danos ocasionados trala vaga de lumes de mediados de outubro.

Rueda participou hoxe nunha xuntanza na Coruña á que tamén asistiron o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva; a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, e representantes da Fegamp e das catro deputacións provinciais. No encontro abordáronse puntos en común que permitan unha máxima coordinación para facer fronte aos efectos dos lumes.

O vicepresidente da Xunta pediu que tódalas administracións participen na concesión das axudas e recordou que a Xunta de Galicia está traballando con rapidez para que o desenvolvemento do decreto aprobado no último Consello da Xunta se faga o antes posible.

Rueda asegurou que o Goberno central se implicará neste proceso como ten feito en ocasións anteriores e agardou que as deputacións tamén o fagan, como recolle a Lei de Emerxencias, para poder abarcar o maior número de situacións posibles.

Sobre as axudas que se destinarán ás vítimas, aclarou que o criterio de intencionalidade recollido no decreto estableceuse para diferenciar este caso das axudas por catástrofes naturais e sinalou que non hai ningunha dúbida de que as familias das catro vítimas mortais percibirán a indemnización.

Anuncios