O alcalde de Nigrán reúnese co representante da empresa que xestionará a cociña escolar do CEIP Humberto Juanes

A empresa Aramark será a que finalmente estree a cociña escolar municipal construída polo Concello de Nigrán no CEIP Humberto Juanes para elaborar os menús dos colexios públicos do municipio desde o vindeiro curso (todos agás o CPI Arquitecto Palacios e CEE de Panxón, que dispoñen de cociña propia). Trátase dun cambio histórico na alimentación dos escolares da localidade, que ata o de agora recibían a comida de caterings situados a centos de quilómetros (os colexios de Nigrán tiñan o pasado curso un total de 561 comensais asignados e desde a nova cociña poderían asumirse ata 1.000).

“Agora está nas mans de Aramark que haxa un salto de calidade e así nolo transmitiron eles tamén, desde o Concello dispuxemos de todos os medios para que así fose investindo 373.878 € na construción da cociña”, comenta o alcalde, Juan González. Para chegar ata este punto, a presión de máis dun ano de toda a comunidade educativa e do Concello traduciuse nuns novos pregos de concesión da Xunta que, ademais de recoñecer finalmente esta instalación como válida, redistribuíu os lotes para que a comida do CEIP Humberto Juanes, Mallón, Carlos Casares e Da Cruz (lote 21) se elabore exclusivamente aquí. “O investimento pagou a pena porque doutro xeito, sen mobilizarnos xunto á comunidade educativa, nada tería cambiado: seguiría a cociñar un catering situado a centos de quilómetros, como ata agora. O resultado non pode ser máis gratificante porque foron anos de loita conxunta en favor da saúde e o benestar dos nosos nenos. Este é parte do Nigrán para todos que buscamos”, resume González.

A nova concesionaria foi a gañadora de entre cinco empresas presentadas ao concurso público da Xunta, que partía dun prezo unitario de 5,83 + IVE. Así, descualificáronse as dúas que mellor oferta económica presentaran (4,45 € e 4,49 € respectivamente) ao considerar que realizaban unha baixa temeraria non xustificada e, finalmente, gañou Aramark cunha oferta de 4,77 €+IVE. Ademais, entre as cuestións que puntuaron favorablemente para esta empresa foi o compromiso de incluír produtos de tempada en todos os menús, que un 10% sexan ecolóxicos e que máis dun 50% dos provedores sexan locais. “Transmitíronnos que a súa comida é saborosa, variada, equilibrada e nutricionalmente idónea, así que aos nenos vailles gustar e van notar o cambio”, explica o alcalde, quen se reuniu esta semana co representante de Aramak en Galicia e a directora do CEIP Humberto Juanes para coñecer de preto as principais inquedanzas ou dúbidas.

“As expectativas son altas e están comprometidos a cumprilas, a alimentación dos nenos de Nigrán non é un asunto menor, por iso levamos anos de loita coa Xunta ata conquerir este resultado”, indica o alcalde, Juan González, quen recoñece que “a situación que había era insostible”. “As queixas eran fragrantes e tiñamos máis que contrastado que o menú que se elabora directamente no CEE de Panxón é dunha calidade moi superior aos dos demais colexios, e non estabamos dispostos a que se discriminase ao alumnado da ensinanza pública dentro dun mesmo municipio”, destaca.

“O propósito é a mellora do servizo cun cambio substancial en todos os aspectos: calidade, cantidade e adecuación nutricional, e cremos que a cociña do CEIP Humberto Juanes pode humanizar un servizo que estaba deshumanizado e que agora pode incluír pratos que nin se podían polo transporte (100 km) e o horario no que se ten que cociñar para que chegue a tempo ao centro”, sintetiza o rexedor.