
O folclore galego e portugués volverán a subirse este sábado ao escenario en Peitieiros (Gondomar) cunha nova edición do Festival Folclórico Internacional que xa vai pola súa 29º edición e que organiza cada ano o Centro Cultural e Veciñal. Será a partir das 20:00 horas cando a gaita comece a soar no Adro de Peitieiros e co monte Galiñeiro como pano de fondo coa actuación de Tres Tristes Tigres. Ademais entre os grupos convidados están os portugueses Cando D’Aquí de Braga e o grupo de pandereteiras, as Arrancaxestas de Ribadelouro. Tamén o grupo local Ecos e Agarimos de Peitieiros poñerá a banda sonora a unha das citas destacadas da música tradicional no Val Miñor.
X Semana Cultural con Concha de Luneda e Os Mulos
Antes da celebración do festival hai programadas varias actividades na décima edición da Semana Cultural que acompaña á cita do folclore. A programación comezou este mércores cun roteiro polos camiños de Peitieiros. Este xoves, o mesmo escenario acollerá ás 20:30 horas, a presentación do libro “Concha de Luneda, vida nunha cantiga” de Xerardo F. Santomé. A publicación conta a historia real dunha muller que ao igual que outras moitas de A Paradanta e do Alto Minho portugués, afrontaron unha vida dura e de sacrificio, sempre cunha cantiga como banda sonora nas labores diarias.
O venres será día de canto de taberna, na cantina da Comisión de Festas a partir das 21:30 horas, participando o Grupo de canto tradicional CCV Peitieiros e Os Mulos de Bueu. A actividade está organizada polo Centro Cultural e Veciñal de Peitieiros, e conta coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Gondomar, a Comunidade de Montes de Peitieiros e a Deputación de Pontevedra.