O Nigranbus, un Pegasus da DXT, o Mario Kart ou a casa de Up convértense en carrilanas en Camos

Os auténticos “autos tolos” regresaron este martes a Camos para deixar imaxes delirantes nesta parroquia que se pode considerar o auténtico berce dos “carros de bólas” en Galicia (nome que se lle outorga a estes artefactos tradicionais construídos con rodamentos mecánicos coa función de rodas). Concello de Nigrán e Asociación Eixo Tolo ofreceron a XV Baixada na rúa San Roque e Xuncido con medio cento de carrilanas inscritas na categoría libre e 17 na de federados.

Milleiros de persoas de toda a provincia acoden cada ano para presenciar as hilarantes estampas que deixa esta proba. A baixada comezou cunha primeira manga de adestramento e, a continuación, dúas cronometradas. O percorrido mantívose igual que o ano pasado para manter a espectacularidade, saíndo do Torreiro de San Roque para virar á esquerda na rúa Xuncido (barrio de Balinfra) e afrontar aí un desnivel aínda maior, cunha rasante e unha pinza no trazado de 90 graos na propia meta.

En total, a distancia é 1 km de lonxitude cun desnivel do 80% e os federados complétana nun minuto escaso, xa que “voan” a case 100 km/hora e, no caso dos máis artesanais, a 80 km/hora. A maioría dos carros de bólas tradicionais inscritos son da comarca, e entre eles figuran unha parodia do “Nigranbus” de Eixotolo ou unha “réplica” do coche de Super Mario Bros que foi conducido por Bryan (neno de Camos de 5 anos) e o seu pai.

Os que participaron por libre competiron en función da orixinalidade na construción. Estes premios dos non federados limítanse aos carros de bólas (vehículos que se desprazan a través de rodamentos) co obxectivo de potenciar esta construción primitiva. O premio á carrilana máis elaborada foi para “Helicóptero da DXT” (300 euros), seguida por “A casa de Up” (150 euros) e “Esfinxe exipcia” (100 euros). O trofeo ao “Era Visto” foi para Asier Fernández Estévez e o artefacto máis rudimentario “Barbie”.

Na categoría C8 (kart) o gañador foi Rubén Puentes. Na categoría C10 (skeleton) levou a vitoria Maikel David Corredoura Cebreiro, acompañado no podio por Sergio Groba Pereira en segunda posición. Na modalidade de Drift Trike (triciclos) o mellor tempo foi o de Emilio Cochón Alonso, seguido de Gabriel González Lourido e Simón Salgueiro Figueiras en segunda e terceira posición respectivamente. Samuel Mallo Casalderrey levou a vitoria en Pneumáticas GX-I, categoría na que Salvador Costas Vilas foi segundo e Rubén Mallo Casalderrey terceiro. Finalmente, na categoría Rodamentos, a vitoria foi para Juan Manuel Pérez Comesaña.

Esta proba de carrilanas en Camos foi realizada por vez primeira en 1985, sendo a máis antiga de Galicia da que se teña coñecemento. Entre os seus grandes impulsores está Gerardo Ferreira, participante desde a súa orixe e promotor grazas á Asociación Eixo Tolo. “As carrilanas forman parte da tradición de Camos, cada neno construía o seu carro de bólas e xogabamos con el. Agora facemos este campionato para garantir que non se perda. Un dos requirimentos obrigatorios que poñemos é que os participantes veñan con bo humor, e sempre cumpren”, explica.


El pase de diapositivas requiere JavaScript.