Sin categoría

Regresa a Baixada de Carros de Bólas a Camos con 50 carrilanas inscritas e 17 federadas

Os auténticos “autos tolos” regresan este martes 15 de agosto a Camos para deixar imaxes delirantes nesta parroquia que se pode considerar o auténtico berce dos “carros de bólas” en Galicia (nome que se lle outorga a estes artefactos tradicionais construídos con rodamentos mecánicos coa función de rodas). Así, Concello de Nigrán e Asociación Eixo Tolo ofrecen a XV Baixada na rúa San Roque e Xuncido con medio cento de carrilanas inscritas na categoría libre e 17 na de federados. Milleiros de persoas de toda a provincia acoden cada ano a presenciar as hilarantes estampas que deixa esta proba. “É un evento tamén moi emotivo porque os veciños de Camos levan décadas divertíndose cos ‘carros de bólas’, forman parte da súa identidade como parroquia. Coma o ‘Flota como Poidas’ na Foz do Miñor, este é tamén moi divertido pola orixinalidade dos artefactos que participan, vibrante polas velocidades que acadan e simpático polo bo humor dos participantes”, explica o alcalde, Juan González.

A baixada comezará ás 9:30 horas cunha primeira manga de adestramento e, a continuación, dúas cronometradas, estimándose que remate sobre as 14:30 horas. O percorrido mantense igual que o ano pasado para manter a espectacularidade. Así, saen do Torreiro de San Roque para virar á esquerda na rúa Xuncido (barrio de Balinfra) e afrontar aí un desnivel aínda maior, cunha rasante e unha pinza no trazado de 90 grados na propia meta. En total, a distancia é 1 km de lonxitude cun desnivel do 80% e os federados a completan nun minuto escaso, xa que “voan” a case 100 km/hora e, no caso dos máis artesanais, a 80 km/hora. A maioría dos carros de bólas tradicionais inscritos son da comarca, e entre eles figuran unha parodia do “Nigranbus” de Eixotolo ou unha “réplica” do coche de Super Mario Bros que será conducido por Bryan (neno de Camos de 5 anos) e o seu pai, ademais, están anotados o grupo de amigos de Vincios que soe gañar o premio ao máis elaborado tras competir o ano pasado cun dragón de tres cabezas ou outro ano cun mosquito.

A “Categoría Libre Eixotolo”, destinada aos carros máis artesanais, consta de premios para o máis elaborado, o máis rudimentario, o máis veloz e o “Era Visto” para un que nin chegue á meta. Como requirimento imprescindible figura que os rodamentos sexan de aceiro e que conten con sistema de freado (ademais de que os participantes leven casco, codeiras e xeonlleiras e, en caso de menores, conten con autorización). No caso dos federados, a clasificación será simplemente por tempos. Esta proba de carrilanas en Camos foi realizada por vez primeira no 1985, sendo a máis antiga de Galicia da que se teña coñecemento. Entre os seus grandes impulsores está Gerardo Ferreira, participante dende a súa orixe e promotor grazas á Asociación Eixo Tolo. “As carrilanas forman parte da tradición de Camos, cada neno construía o seu carro de bólas e xogabamos con el. Agora facemos este campionato para garantir que non se perda. Un dos requirimentos obrigatorios que poñemos é que os participantes veñan con bo humor, e sempre cumpren”, explica.