Sin categoría

Nace en Nigrán Kalú, a nova conserveira que enlata sentimentos e emocións

A nigranesa Gardian Joyas, con sede en Porto do Molle, lanza Kalú, a nova marca de conservas que non enlata peixes nin mariscos. Son xoias o que se pode atopar nas súas latas, e todas elas conservan unha emocionante historia… Este domingo día 13, presentan este produto no Beach Market de Panxón.

Silvia Mollinedo, a súa promotora, provén familiarmente da ría de Arousa e leva o mar e os seus produtos no sangue. Xa coa súa outra marca Gardian creou xoias cun alto valor solidario e agora con Kalú, achega a vida do mar ao sector da xoiería. Tanto o nome Kalú como esta primeira peza teñen un valor sentimental moi especial, xa que o seu pai era de Carril e o seu alcume era Kaluka, nome da gamela que posuía para ir ao seu viveiro a rastrillar e recoller ameixas.

No interior da primeira “conserva de xoias” que se lanzou ao mercado pódese atopar algo moi especial (e significativo para ela), uns pendentes con colgante de ameixa, ameixas de Carril! A idea de achegar un valor engadido a unha xoia co packaging non é nova, pero si a de reforzar a idea de que a conserva é algo moi noso e de converter as habituais latas, protagonistas da nosa gastronomía máis tradicional, en xoieiros nos que gardar os nosos sentimentos e emocións ligados ao mundo mariñeiro.