Sin categoría

Últimos días para inscribirse na XXVIII Carreira Pedestre Popular “Andar e Correr”

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Deportes, celebra o vindeiro domingo 20 de agosto unha nova edición de “Andar e Correr”, a carreira pedestre popular que é un referente da programación estival e deportiva na área metropolitana de Vigo e na comarca do Val Miñor. O prazo de inscrición para esta tradicional cita deportiva por Baiona está aberto ata o vindeiro martes 15 de agosto a través da páxina web “Baiona co Deporte”. Ata hoxe, 9 de agosto ás 23:59 horas, as inscricións de todas aquelas persoas adultas (2010 e anteriores) que disputen a proba de 10 km teñen un prezo de 5 euros. A partir do 10 de agosto o prezo é de 10 euros.

Así mesmo, nesta edición 2023, e xa van XXXVIII, a Concellería de Deportes do Concello de Baiona puxo en marcha unha campaña específica a pé de rúa de captación e potenciación desta tradicional proba baionesa. A xa tradicional promoción municipal da carreira, compleméntase con esta rechamante acción na que se están repartindo adhesivos cun código QR, que leva directamente a través do teléfono ao formulario de inscrición, polo Casco Vello e polas rúas da localidade para animar aos viandantes a participar no evento deportivo.

A cita será o domingo 20 de agosto, un evento imprescindible que se consolidou no calendario de carreiras populares de Galicia. Unha carreira que terá como epicentro de saída das distintas categorías o Parque da Palma e que no seu tramo máis longo transcorre polo Camiño Portugués da Costa nun percorrido de 10 quilómetros, onde os atletas pasarán por monumentos emblemáticos como o Cruceiro da Santísima Trindade, Santa Liberata, a subida de San Antón, Baredo para regresar polo Rompeolas ao emblemático parque baionés.