A segunda edición do Festival Internacional de Danza e Movemento “Abanea” fará parada en Gondomar por segundo ano consecutivo os días 28 e 29 de xullo. Esta mañá a concelleira de Turismo Rocío Goberna e unha das súas directoras, Marta Alonso, presentaron a programación da segunda edición deste prestixioso festival, que na súa primeira edición no ano 2022, tivo un gran éxito de participación e público. Foz, Outes, Gondomar e Allariz serán as vilas onde fará parada o que xa é considerado un dos festivais de danza máis importantes de España.
No que respecta a Gondomar a programación comezará o venres 28 de xullo cun “Obradoiro de Danza en Familia”, impartido por Alejandra Balboa no Parque da Coelleira ás 18:00 horas. As persoas interesadas en participar deberán remitir un correo a alcaldía@concellodegondomar.gal. Posteriormente ás 20:30 horas na Praza Paradela comezarán as representacións artísticas. A primeira correrá a cargo de Daniel Rodríguez coa peza “A raíz de”, á que seguirá “Minguantes” representada por Entremáns. A última das actuacións do día será a da compañía “La mínima” co seu espectáculo titulado “Prosperina”. Ao rematar estas actuacións abrirase unha “Pista de Baile” aberta a todos os asistentes.
A segunda xornada deste festival, o sábado 29 de xullo, arrancará cun obradoiro chamado “Discoteca de Señoras”, que se celebrará no Antigo Matadoiro ás 12:30 horas e para o que será preciso realizar inscrición previa por correo no enderezo alcaldía@concellodegondomar.gal. A programación desta edición do festival Abanea rematará a partir das 20:30 horas na Praza Paradela, onde poderase desfrutar coas seguintes pezas artísticas: “Me fui con tu nombre” da compañía “No Man’s Land Cíe”, que dará paso á segunda das pezas titulada “Vestirme de ti” a cargo de Nuria Sotelo e Clara Ferrao. A última das pezas representadas leva o título “Samsara” e será representada por “Chey Jurado & Javito Mario”. Ao igual que na xornada do venres ao rematar a Praza Paradela converterase nunha discoteca a ceo aberto onde todos os asistentes serán invitados a participar dos bailes.

