Sin categoría

Baiona recoñece a Vicente Castro e Julia Antonia Gómez por toda unha vida dedicada ao mar

Con motivo da celebración da festividade da Virxe do Carme, a Confraría de Pescadores “La Anunciada” de Baiona recoñecerá este sábado día 15 de xullo ao mariñeiro de máis idade e á mariscadora máis veterana do municipio, que nesta ocasión, serán Vicente Castro Ratel e Julia Antonia Gómez Giráldez. A homenaxe será ao finalizar a Misa de Campaña na honra da Virxe do Carme que se celebrará ás 17:00 horas na zona portuaria. Despois, os membros da Danza das Espadas dedicaranlles a ambos o tradicional baile, e a continuación terá lugar a Procesión Marítima. Finalmente, a imaxe da Virxe do Carme será trasladada á Capela da Misericordia, acompañada no percorrido pola Banda de Música de Baiona.

Vicente Castro Ratel

Naceu o 7 de xaneiro de 1932 na Rúa Conde, no seo dunha familia mariñeira, segundo de cinco irmáns. Á temperá idade de doce anos deixa a escola e comeza a traballar no mar, co seu pai, na gamela familiar “La Milagritos” a remos, coa arte de liña, á pesca da faneca e ao congro. No ano 1946, con 14 anos, embarca no “Victoria” como rapaz de abordo, á sardiña, e segue no “Lola” ao xurelo. Xa cumpridos os 18 anos embárcase no “Clotilde Fernández”, á sardiña, coa arte de cerco por augas de Portugal. Neste barco ten o teu primeiro susto, na zona de “Espiño”, un naufraxio. Ao amencer e con pouca visibilidade, o barco de Vigo Dukan, de maiores dimensións, enviste e afunde o “Clotilde Fernández” con 40 homes a bordo que afortunadamente se salvan. O mesmo barco recolleulles, e desde aí, nas súas pregarias sempre ten presente á Virxe do Carme e ata o día de hoxe.

Segue ao mar e embárcase na gamela “Milucha” co seu tío e padriño Vicente. Líbrase de cumprir o Servizo Militar e continúa ao mar embarcándose no “José Ángel”, á pesca da pescada, ao bonito e á castañeta, coas artes de cerco e palangre. En 1955 embarca no “Almuiña” á pesca do bonito, pescada e mero, por augas de Canarias, Marrocos, coa arte do volante. En 1957 casa coa baionesa Pilar Gesteira Durán, de familia mariñeira, atadeira, coa que ten 6 fillos que lle dan 9 netos e 4 biznetos. Continúa faenando no “Almuiña”, e decide facer unha marea de 9 meses ao arrastre, polo Sur de África, no buque “El Vigo” da empresa Montenegro, para gañar algo máis para casa. Embarca no “Jose Ángel” á pesca da pescada, ao bonito e á castañeta, coa arte do cerco e palangre. Cando o barco vai ao carro, a reparación, para non perder nin un día de mar enrólase no “Cornejo Carvajal” á castañeta.

Xubílase en 1996, aos 64 anos, por problemas de saúde na vista, pero non pode afastarse do mar e a gamela familiar “La Milagritos” pásaa a lista de recreo e así pode saír a pescar á lura. Baixa todos os días ao peirao para ver o mar e axuda aos barcos a limpar os aparellos. Agora tras o falecemento da súa esposa, vive co seu fillo Mingos. Os seus problemas de mobilidade e vista fan que cambie de casa a un piso con ascensor, para poder saír coa súa cadeira de rodas, ao peirao para charlar cos seus compañeiros e gozar do mar.

Julia Antonia Gómez Giráldez

Naceu na parroquia de Baredo o 24 de xuño de 1939, no seo dunha familia humilde, a segunda maior de sete irmáns. Comeza ao mar con 14 anos, ao percebe e ao argazo (ao carrapicho, xerez, etc), sae á tardiña, andando pola costa desde Baredo a Oia, Sanxián, para baixar ao mar á primeira hora da marea, ata que consegue unha bicicleta, para facer mellor o camiño. O percebe lévao a súa nai para vender en Vigo. A vida era dura, lembra varios desgustos no mar. Un día o grupo co que saía a traballar esqueceuse dela, viunos marchar, saíu correndo e chorando volveu á súa casa camiñando, pero había que seguir e axudar á economía familiar.

En 1968, aos 29 anos, casa con Marcelino Cividanes Caravelos, mariñeiro e cociñeiro, co que ten 3 fillos, que lle dan 7 netos. Segue traballando na fábrica de mexillón, en Baiona no monte, plantando piñeiros e facendo devasas. No 2002 queda viúva e segue traballando, xa como percebeira na Confraría de Baiona, ata que o 2007 e con 68 anos xubílase, non pode facelo antes xa que non tiña cotizado o suficiente. Agora xa con 84 anos, está na casa, o seu bo estado de saúde permítelle limpar a leira, plantar na súa horta para pasar o tempo, pero o que máis lle gusta e bota de menos é o mar.