O alcalde de Gondomar Paco Ferreria recibe ao Delegado do Goberno en Galicia Pedro Blanco

O Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, acompañado da subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, visitaron na mañá deste mércores o concello de Gondomar. Na súa visita, o alcalde Paco Ferreira quixo mostrar ao novo Delegado do Goberno diferentes actuacións que se teñen levado a cabo no concello nos últimos anos, entre as que se encontran a humanización da Praza Paradela, a nova Praza de Rosalía de Castro, a remodelación do antigo matadoiro municipal, e principalmente a recente remodelación do Centro de Desenvolvemento Local (CDL). O CDL, que actualmente alberga a diferentes asociacións e colectivos sociais da vila, así como o Banco de Alimentos Municipal ou os obradoiros de emprego entre outros usos, foi entregado ao Concello a semana pasada tras unha remodelación integral de cubertas e fachadas.

O Concello de Gondomar recibiu dúas subvencións para a “Mellora da Eficiencia Enerxética” nos edificios do Centro de Desenvolvemento Local concedidas a través do IDAE (Instituto para Diversificación y Ahorro de la Energía) dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica. Ambas actuacións consisten basicamente na mellora da eficiencia enerxética duns inmobles que teñen máis de 50 anos de antigüidade, e nelas substitúense as cubertas, as fachadas e as ventás para obter un aforro enerxético moi considerable e así reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro. A primeira destas subvencións ten un investimento total de 998.985,52 euros, sendo o importe total cofinanciado por FEDER de 799.188,41 euros. A segunda ten un importe total de investimento de 290.934,34, sendo o importe financiado polos fondos FEDER de 232.747,47 euros.

Tanto o delegado como a subdelegada do goberno aproveitaron a visita para estampar a súa sinatura no libro de honra de Gondomar.