O Grupo de Traballo Orca Atlántica chegou estes días ao rexistro 800 de encontro con candorcas, dende o seu inicio das actividades no verán do 2020. Son tres anos de intenso traballo de recollida de datos dos navegantes, a través do programa de ciencia cidadá FRIENDSHIP ORCAS, financiado pola Fundación Santander.
Desde 2020 rexistraron 800 encontros (incluíndo avistamentos e interaccións) con datos de candorcas desde a costa norteafricana ata a Bretaña francesa. Deles, 251 son avistamentos, onde se observan as candorcas lonxe dos barcos, e 549 son interaccións (é dicir: as candorcas responden á presenza dos barcos e achéganse), nas que as candorcas reaccionan ante a presenza de barcos que se achegan. Nalgúns casos son interaccións sen contacto físico, noutros son interaccións con contacto físico e sen danos e noutros casos estes contactos físicos provocan danos que se fan graves, impedindo a navegación dos buques, isto ocorre no 19,9% das interaccións.
A frecuencia aumentou entre 2020 e 2021, desde que os eventos comezaron en xullo de 2020, pero entre 2021 e 2022 non houbo un aumento significativo. Cambian ao longo dos tempos e das zonas. En 2023 rexistraron 94 interaccións (25 delas con graves avarías que tiveron que ser remolcadas) e 43 avistamentos, especialmente na zona do Estreito e en Portugal.
A candorca
A candorca ibérica é unha subpoboación dunha especie en paso pola nosa costa dende tempo inmemorial, deste xeito ten varios nomes populares coñecidos: esparte, espolarte, espirlón e bighorna. Dende o 2020 o comportamento das candorcas pasou de realizar interaccións baseadas na curiosidade a outras nas que mantén contacto físico coas embarcacións chegando a romper pezas como o leme. A CEMMA participou dende o seu inicio no Grupo de Traballo Orca Atlántica-GTOA para buscar unha explicación a este comportamento.
Proxecto Friendship orcas
Dende hai un ano estase levando a cabo este proxecto con financiamento da Fundación Santander mediante o cal estanse xerando diversos materiais educativos e divulgativos, entre os que destacan tres ferramentas fundamentais como apoio á prevención das interaccións: web, aplicación móbil e catálogo de FotoID.
A páxina web (https://www.orcaiberica.org/) recolle moita información e resulta unha boa plataforma de descarga de información para todo o mundo dado que está nos idiomas: inglés, portugués, francés, español e galego, ao igual que o resto dos materiais que se ofrecen, cunha vocación políglota para chegar ao máximo público posible.
O catálogo recolle máis de 20 mil imaxes de 30 entidades e persoas diferentes o que permitiu identificar a 35 exemplares de candorcas entre as que se atopan as GLADIS que son as 15 candorcas que actualmente interactúan coas embarcacións.
A aplicación móbil (GT Orcas en Google Play e Apple Store) é unha moi completa ferramenta, tamén nos cinco idiomas, na que ademais de contar con información básica para identificar aos cetáceos e as condicións ambientais da navegación, dispón de mapas dos avistamentos e interaccións e mapas preditivos semafóricos o que permite previr os encontros e tamén trasladar dun xeito áxil os datos de avistamentos e interaccións con calquera cetáceo.
Estas ferramentas abren amplas posibilidades na participación pública na conservación dunha especie que precisa atención.
A candorca é unha especie considerada vulnerable na lexislación española, mais a CEMMA-GTOA consideran que debería adecuarse a súa categoría de protección a una situación real e actualizada e pasar a ser especie en perigo crítico de extinción, tal e como a recoñece a IUCN e a normativa en Portugal. É necesario consensuar a nivel internacional categoría e accións que permitan una protección efectiva.
Situación actual da candorca ibérica
Neste momento xa saíron da área do Estrecho de Gibraltar, ao menos un grupo de candorcas e navegan polas augas de Portugal centro, entre 3 e 6 millas da costa, aínda que eventualmente achéganse á costa empuxando ao atún cara á costa dende augas máis profundas. Nos anos 2015 e 2019 foron observadas polos equipos da CEMMA nas augas de Fisterra, non se descarta este ano manter o rexistro da especie no seu paso cara ao norte seguindo ao atún.
Tranquilidade aos navegantes
GTOA pide tranquilidade aos navegantes, que se informen na situación a través da web e aplicación GT Orcas onde figuran os mapas de semáforos coas áreas de risco entre Estrecho e Galicia para que poidan tomar decisións. Sobre todo que traten de evitar esas áreas de risco pola noite.


