Paco Ferreira asume o goberno de Gondomar en minoría aberto a pactos

Paco Ferreira foi proclamado este sábado alcalde de Gondomar. Ao ser a lista máis votada o Partido Socialista continuará gobernando outros catro anos pero en minoría. Despois da toma de posesión de todos os concelleiros e tras recibir o bastón de mando de mans de Antonio Araújo como concelleiro de maior idade, no seu discurso de investidura Ferreira quixo trasladar en primeiro lugar o seu agradecemento polo apoio prestado por todos os veciños “para que sexa e poida exercer como alcalde catro anos máis”. Destacou ademais que moi poucos alcaldes lograron presidir a corporación durante tres mandatos, o cal “é significativo”, dixo.

“Isto se cabe o que fai é reformular moitas cousas, é pensar e asumir un compromiso que é moi forte durante catro anos con todos vós. Pola miña banda, e en nome do noso grupo eu o que si digo é que independentemente da maneira que nos toque gobernar e a dificultade que atoparemos ou non para facelo, o noso compromiso é firme con este pobo. Imos traballar en interese sempre dos veciños e imos deixar a pel atrás para seguir transformando este concello, que foi ao que viñemos”, continuou Ferreira na súa intervención.

“Se é certo que fai oito anos estabilizamos este barco, nos últimos catro puxémolo a bo ritmo e agora o compromiso é levalo a bo porto, ou a poder ser ao mellor porto posible. Ese é o noso compromiso, o de traballar arreo, dunha maneira incansable por este tan bonito concello que temos todos”, engadiu o rexedor. Ao mesmo tempo, quixo agradecer a todos os membros da corporación “o seu compromiso con Gondomar”, facendo xa unha alegación “para estar aberto a posibles pactos, entendementos, etc. con distintas formacións políticas, pero en especial para formar goberno con partidos de esquerdas”.

“Imos seguir como digo traballando e ocupar o espazo que a cidadanía democraticamente deunos, que é nós e o noso proxecto os futuros catro anos, entendo que temos para levalo a cabo e traballar dunha maneira sosegada, humilde e responsable. Empeza unha nova etapa evidentemente, espero que desde aquí cheguemos a acordos, levémonos ben e por encima de todo que a confianza, veciñanza e amizade que temos impóñanse ante a política, os partidos políticos, e primeiro son as persoas. Espero que todos e todas sexamos quen de levar este Gondomar ao mellor sitio posible e ser quen de facer un mundo mellor para os nosos descendentes”, concluíu Ferreira.

A corporación municipal de Gondomar quedou constituída con oito concelleiros do PSOE, seis do PP, dous de Manifesto Miñor e un do BNG.