Sin categoría

O certame de relato curto e conto infantil de Baiona publica o seu primeiro volume

O Concello de Baiona e a Biblioteca Municipal presentaron este xoves o libro de relatos “O Enxeño Engaiolado”, que reúne os relatos das tres últimas edicións deste certame. Os actos celebráronse ás 17:30 horas da tarde no Salón de Plenos do Concello de Baiona. O libro recompila os relatos gañadores dos Certames de Relato Curto e Conto Infantil “O Enxeño Engaiolado” nas súas tres primeiras edicións 2020-2022.

Na fotografía Carlos Gómez, Miriam Costas, Cristina Vilar, técnica do arquivo da Biblioteca Municipal, a gañadora do Certame de 2022 Soledad García, a deseñadora gráfica de Solaina, editora do libro, Natalia Guisande, e o gañador do terceiro premio da edición 2020 Brais Costas.

O certame que nacera dunha iniciativa para incentivar, desde o confinamento, a creatividade literaria e celebrar o Día do Libro 2020, conta dende o xoves cun libro que formará parte da Biblioteca Municipal. Cun deseño innovador, está creado con frescura e elegancia en soporte de gran formato, 22×22 cm, para a fácil lectura. Ademais conta con ilustracións ao principio de cada relato da pintora Laine Villero e deseño da portada mantendo a idea orixinal dunha gaiola pero aberta como símbolo de liberación do “Enxeño Engaiolado”.

O fundador de Xerais, presente no acto, Xulián Moure, agradeceu a iniciativa do Concello de Baiona toda vez que este acto promove a cultura do Val de Miñor. O rexedor municipal, Carlos Gómez, expresou a súa satisfacción polo certame agradecendo a todos os participantes a súa participación e o desexo de que dentro doutros tres anos poidamos volver reunirnos para festexar o segundo volume.

Os actos concluíron co festival de poesía do colexio Cova Terreña de Baiona e a homenaxe aos grandes escritores Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes.