Carlos Gómez Prado asegura que “deixamos o goberno local de Baiona cun remanente de tesourería de 1.650.530,06 euros ao peche do exercicio 2022, o que demostra a boa xestión económica realizada”. “Gobernamos con responsabilidade, tamén no aspecto económico, aprobando un orzamento cada ano e deixando neste 2023 o maior paraugas social que tivo nunca Baiona”, engade.
Gómez Prado anuncia “unha oposición construtiva e responsable, hai 2.000 veciños e veciñas de Baiona que depositaron a súa confianza en nós o pasado 28 de maio, deben ter claro que o noso proxecto continúa”. “Fiscalizaremos cada acción do novo goberno local, nos últimos catro anos demos pasos moi importantes para mellorar os servizos públicos en Baiona, non permitiremos pasos atrás”, afirma.

