Bombeiros Forestais de Panxón reclaman a instalación dun depósito de auga de 1500 litros para Monteferro

Bombeiros Forestais traballadores da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, residentes na parroquia de Panxón, solicitan o traslado e instalación dun depósito de auga de 1500 litros para Monteferro. “Xa van para tres anos que se comunicou ao Concello a posta a disposición e doazón deste modesto depósito. Coma veciños e por necesidade entendemos era acaído para Monteferro por carecer de infraestrutura algunha para a extinción de incendios”.

“Daquela chegaran a vir operarios do Concello e tomaron medidas pero hoxe en día o particular responsable da doazón segue tendo na súa casa este depósito. Como antes houbera hai tamén, un lume en Monteferro, e como expuxemos antes non había, nin hai pozas de auga para a extinción dun lume forestal, a ver si agora toman a iniciativa e se contribúe modestamente a unha demanda necesaria para ese espazo”, apuntan Bombeiros Forestais do Distrito XVIII Vigo-Baixo Miño.

“Coma Bombeiros Forestais, dicir que naquel incendio tampouco funcionaban os hidrantes que hai cerca do Hostal e os motobombistas tiveron que ir a Prado buscar auga. Coma consecuencia, un lume para controlar en media hora levou hora e cuarto. Non é gran cousa. Entendemos que como o Concello adoita colaborar coa comunidade de montes podía agora si colaborar no traslado e instalación do depósito. Cómpre lembrar que en breve entramos en alto risco de incendio coas implicacións que isto implica no verán”, conclúen.