O cuadraxésimo sexto congreso rexional de viúvas de Galicia reúne en Baiona a máis de 200 mulleres

Baiona acolleu o cuadraxésimo sexto congreso rexional de viúvas de Galicia no que participaron máis dunha ducia de asociacións a nivel autonómico e máis de 200 mulleres. Despois de levar a cabo a recepción das diferentes agrupacións tivo lugar a asemblea no Auditorio V Centenario, cuxo tema principal foi o rol das mulleres viúvas. No relatorio interviñeron a presidenta da Asociación de Baiona, Ramona Marcote Álvarez, e a presidenta da Federación Galega, Aurora Carro Páramo, na que reiteraron que a verdadeira crise que sofre toda muller cando perde á súa parella é o feito de afrontar a viuvez. O doutorado en historia e cronista oficial de Baiona, Anxo Rodríguez Lemos, participou no evento cunha conferencia que tivo por título “Ser viúva a beiras do Atlántico”.

O acto de clausura contou coa intervención de diversas personalidades políticas tales como o alcalde en funcións Carlos Gómez Prado e a Conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana Somoza. O broche de ouro ao congreso púxoo a actuación sorpresa de “Cantares da Taberna”. O acto comezou na Praza de Santa Liberata onde a Presidenta de Baiona, Ramona Marcote Álvarez, e as demais socias, recibiron ao resto de asociacións. Máis tarde celebrouse unha misa na ex Colexiata de Santa María. Ao finalizar a asemblea no auditorio baionés, levouse a cabo unha comida de confraternización no restaurante Glasgow para máis tarde continuar cunha reunión entre as presidentas e secretarias das asociacións presentes e a presidenta da Federación Galega de viúvas.

O congreso rexional de viúvas de Galicia organizouse coa estreita colaboración entre a Concellería de Igualdade do Concello de Baiona e a dirección do CIM. A Concelleira de Igualdade en funcións, Yasmina Moreira Costas, e a Directora do Centro de Información á Muller de Baiona, atopábanse entre o público. Tamén contou coa colaboración da artista Irene Silva Xiráldez. Así mesmo, o evento tamén contou coa colaboración da Xunta de Galicia.