“A oportunidade que se lle brindou ao PSOE de Carlos Gómez non foi aproveitada”

Para o Bloque Nacionalista Galego cando as urnas electorais determinan un resultado tan claro a análise xeral é moi clara: Baiona decidiu que o PP encabezado por Jesús Vázquez ten o amplo respaldo para liderar o goberno da vila os vindeiros catro anos. “A oportunidade que se lle brindou ao PSOE de Carlos Gómez sendo maioritariamente a forza máis votada no 2019 e tras 15 anos de gobernos do PP, non foi aproveitada”, lamenta Iago Pereira.

“Considero que os resultados do BNG son malos polo feito da perda dunha acta. Pero unha análise un pouco máis profunda e tendo en conta o “tsunami” electoral do PP e o castigo a un goberno onde eramos a terceira forza, a obtención de 606 votos e un 8,54% son cifras que podemos catalogar como aceptables dende a óptica da resistencia e con estes condicionantes mencionados”, continúa Pereira.

“De calquera xeito, ábrese un período de análise sosegado no que valorar en profundidade as causas e os resultados. A partir de aí, traballar dende o lugar que a veciñanza nos situou porque o grupo humano que forma o BNG en Baiona nunca baixará os brazos porque somos a única forza política que pode traer un cambio real para Baiona. A nivel persoal toca tamén unha reflexión, darlle os parabéns ao PP, gratitude aos meus compañeiros e agradecemento ás 606 valentes persoas que depositaron a confianza no BNG”, conclúe o candidato nacionalista.