
Profesionais sanitarios de Cardioloxía, Pneumoloxía, Oncoloxía e Medicina Familiar e Comunitaria uníronse hoxe para expresar o seu rexeitamento fronte ao tabaco e enviar unha mensaxe para concienciar á cidadanía: o tabaco mata, pero é posible deixar de fumar. Neste contexto, no Álvaro Cunqueiro tivo lugar unha sesión formativa e informativa na que participaron profesionais sanitarios, facultativos e enfermaría, dos servizos de Cardioloxía, Pneumoloxía, Oncoloxía e Medicina Familiar e Comunitaria para abordar o tabaquismo desde as diferentes especialidades. Nesta xuntanza tamén participaron a Asociación Española contra o Cáncer (AECC) e a Asociación de Pacientes Cardiópatas da área sur de Galicia (SUR SUR COR).
Tamén instaláronse dúas mesas informativas, unha no Centro de Saúde de Pintor Colmeiro e outra no Hospital Álvaro Cunqueiro, nas que os profesionais ofreceron información e repartiron folletos explicativos sobre os efectos nocivos do tabaquismo e dos diferentes tratamentos para deixar esta adicción. Ademais, convocouse un concurso de debuxo entre os nenos e nenas hospitalizados que expresaron a súa visión do tabaquismo baixo o lema “25 razóns para deixar de fumar”.
Ex fumadores, protagonistas no centro de saúde de Lavadores
No centro de saúde de Lavadores, a Unidade de Abordaxe do Tabaquismo organizou un encontro cos pacientes que ao longo dos anos abandonaron o consumo de nicotina. Nesta xuntanza, que contou coa asistencia dunha trintena deles, os ex fumadores expuxeron a súa experiencia no proceso de deshabituación tabáquica e enviaron unha mensaxe pública de que é posible, e se pode deixar de fumar. Tamén celebraron a vida sen fume, e recordaron os beneficios obtidos co abandono do tabaco, e revalidaron o seu compromiso coa abstinencia.
O tabaco é a principal causa de morte evitable no mundo. Trátase dunha enfermidade crónica aditiva polo que para a súa abordaxe son precisas estratexias que vaian desde a prevención ata o tratamento e a rehabilitación. Na Área Sanitaria de Vigo funcionan varias Unidades específicas de Deshabituación Tabáquica, sitas no Hospital Nicolás Peña, no Meixoeiro, no Álvaro Cunqueiro e no Centro de Saúde de Lavadores. Ademais, en todos os centros de saúde, os facultativos están a disposición dos fumadores que queren deixar o tabaco para darlles pautas a seguir ou aconsellar sobre as mellores maneiras de atallar o hábito.