O BNG de Gondomar incorpora ao seu programa as achegas dos colectivos veciñais e sectoriais

O Bloque Nacionalista Galego de Gondomar publica o seu programa para estas municipais logo de incorporadas as achegas dos encontros sectoriais e veciñais realizados nestas dúas semanas. O documento inclúe tamén o programa do Bloque para a Entidade Local Menor de Morgadáns e as propostas conxuntas do BNG de Baiona, Gondomar e Nigrán para o Val Miñor. A proposta programática do BNG xira arredor da participación veciñal e da necesidade de priorizar a prestación de servizos a toda a veciñanza e en todas as parroquias. Desde o BNG agradecen a todos os colectivos sociais e veciñais, e a todas as persoas a título individual, a atención prestada nesta campaña “especialmente polas moitas achegas, que contribuíron a mellorar este documento”.

Manuela Rodríguez, candidata do BNG á Alcaldía de Gondomar, trasladou que “este programa constitúe unha folla de ruta, mais non é un proxecto pechado, ben ao contrario, sempre estará aberto á participación de toda a veciñanza e dos colectivos, para que o sintan como seu e fagan del un instrumento altamente útil”. A organización nacionalista desexa a toda a veciñanza que teñan unha boa xornada este domingo, “tanto aos que vaian votar como a todas as persoas que, co seu traballo, serán fundamentais para o bo desenvolvemento da xornada electoral”.

“Até ese día nada está escrito”, destaca Rodríguez. “O voso voto é o único que decide e así queremos nós, no BNG, que sexa. Agardamos que esa decisión en forma de voto poida crear un novo goberno municipal que se aparte da crispación e dos personalismos que só serven para desatender o principal: as necesidades da veciñanza”. Por iso “animamos a converter en votos ao BNG todo o descontento coa deriva que leva o noso concello, e pular así por un goberno municipal diferente a calquera dos que en Gondomar ten habido”.