
O alcalde de Nigrán e candidato socialista ás eleccións do 28 de maio, Juan González, expón un novo xiro na mobilidade de Nigrán para os vindeiros catro anos. Se neste mandato a gran aposta foi o establecemento dunha liña de autobús intramunicipal que se achega ás parroquias do interior, facilidades para os vehículos eléctricos e creación de aparcamentos disuasorios, o novo reto do próximo goberno será desenvolver o plan “Vía-Bici” para fomentar os desprazamentos en bicicleta polo municipio empregando vías compartidas que outorguen as máximas garantías de seguridade.
Este plan estratéxico está moi avanzado ao traballo previo e desinteresado do colectivo do Val Miñor “Resiliencia”, formado por xubilados expertos en temas medioambientais (Santiago Fraga, Carmela García, José R. Ojea e Fernando Lahuerta) e que lle expuxeron as posibilidades do municipio ao alcalde de Nigrán e, nos vindeiros anos, se levarán á práctica baixo a dirección dunha consultora que recollerá todas as premisas deste plan. Para elo, o primeiro será identificar na cartografía as vías que teñen actualmente un uso peonil seguro e exclusivo e as vías de uso compartido non seguro e, a partir de aí, deseñar itinerarios, concienciar e sensibilizar.
“Cremos neste plan deseñado a conciencia por expertos porque expón opcións moi coherentes que mellorarán a calidade de vida de toda a veciñanza grazas ao uso compartido de vías ás que se lle outorga a máxima seguridade aos ciclistas”, expón o rexedor, quen non dubida en aplicar todas as medidas posibles de cara a unha mobilidade “amable, rápida, limpa, económica, saudable e compartida”.
O ambicioso plan consta de 4 catro fases anuais “para que a veciñanza vaia pouco a pouco gañando confianza e comprobando todas as súas vantaxes e posibilidades”. A primeira delas sería crear vías seguras de uso compartido de chegada ás principais praias de Nigrán, onde habería estacionamentos para elas; a segunda de cara a desprazamentos aos principais núcleos urbanos para ir traballar ou mercar conectando os principais núcleos de mobilidade coas parroquias; a terceira para paseos de ocio pola natureza, como poden ser o río Muíños ou o Camiño de Santiago; e a derradeira para achegarse á escola mediante camiños seguros e con iniciativas de concienciación e sensibilización dirixidas as familias.
“O plan é ambicioso e estamos convencidos de levalo adiante porque queremos seguir dando pasos de cara a un Nigrán amable coas persoas e co medio ambiente nun contexto de crise climática. Ademais, forma parte das nosas iniciativas de cara a acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible desde o local”, finaliza.