Baiona colabora con “Meet Rural” para que as empresas locais desenvolvan a súa presenza en liña

O Concello de Baiona chegou a un acordo coa plataforma dixital Meet Rural para, como oferta de lanzamento, a creación do perfil para as empresas do municipio sexa gratuíta. Meet Rural xa está en marcha en Baiona. Unha plataforma dixital que ten como obxectivo dinamizar as contornas rurais e o seu tecido empresarial, a través de diferentes iniciativas como un directorio dixital e a súa promoción a través de distintas canles, dando maior visibilidade ás empresas e os seus servizos. Ademais levarán a cabo outras accións complementarias como encontros empresariais, co obxectivo de establecer contactos e posibles colaboracións entre as empresas locais.

Dentro da plataforma terán un importante peso as empresas de experiencias turísticas, aloxamento, comercio, restauración e demais negocios vinculados ao turismo, que son o motor económico da zona. Tamén ofrece un buscador que inclúe os lugares e recursos de patrimonio cultural, natural e outras instalacións públicas, dándolles unha maior divulgación. Meet Rural nace como unha plataforma para os municipios rurais da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, co obxectivo de xerar sinerxias en todos eles e empeza a súa andaina en Baiona. Xunto co tecido empresarial promoverase información local, daranse a coñecer tradicións, gastronomía, patrimonio e moito máis.

“O obxectivo é que o noso municipio poida crear unha comunidade dixital da que forma parte tanto o Concello como o seu tecido empresarial, permitindo ao usuario atopar toda a información público-privada reunida nun mesmo portal”, sinala o Alcalde, Carlos Gómez Prado. Meet Rural é un proxecto nado en Baiona e creado por dúas veciñas do municipio, que ofrece a ferramenta para que as pequenas e medianas empresas poidan competir tamén en liña. Desde o Concello de Baiona quérese apoiar esta iniciativa chegando a un acordo para que todas as empresas, asociacións, clubs e demais entidades locais poidan crear o seu perfil básico de maneira gratuíta e así desenvolver e reforzar a súa presenza en liña participando dunha comunidade local dixital.

Os comercios e empresas de Baiona son un dos motores da economía do pobo. Ademais, a proximidade e o trato familiar que ofrecen aos veciños e veciñas, xunto á creación de riqueza, emprego e a fixación de poboación, incrementan o seu valor. Por iso desde a institución municipal apóiase esta proposta co fin de darlle un impulso ao comercio local a través das novas canles de comunicación animando a comprar nestes establecementos habituais, a través destes canles. Os comerciantes como moitos sectores pasaron por momentos moi complicados e facer as nosas compras nestes establecementos é apostar pola riqueza e o emprego de Baiona.

Meet Rural segue evolucionando e en breve agregará novas funcionalidades, como eventos, actividades, ofertas de emprego e formación… todo iso para crear un único lugar onde buscar. Todos os negocios, asociacións e demais entidades de Baiona que desexen aparecer na plataforma de maneira gratuíta só teñen que poñerse en contacto co equipo de Meet Rural a través do correo info@meetrural.com, de Instagram (@meetrural) ou do teléfono 610 600 989.