Máis apoio para a vela adaptada do Monte Real

A Escola de Vela Adaptada do Monte Real Club de Yates acaba de recibir unha nova lombeirada por parte da Xunta de Galicia. Un convenio de colaboración asinado este luns con Deporte Galego permitiralle ao club baionés seguir impulsando actividades con colectivos en risco de exclusión social.

O Secretario Xeral para o Deporte Galego, José Ramón Lete Lasa, foi o encargado de ratificar coa súa firma o apoio que a administración autonómica prestará neste 2023 á Escola, creada fai máis de dez anos baixo o lema de “Vela para todos”.

Aínda que nun principio o obxectivo era ofrecer a persoas con diversidade funcional (con discapacidades físicas, sensoriais, intelectuais ou psíquicas), a posibilidade de navegar e gozar do mar en igualdade de condicións, nos últimos anos, as actividades da escola fóronse expandindo a outros colectivos en risco de exclusión social.

Na actualidade, as propostas esténdense tamén a usuarios de residencias de maiores de Galicia, nenos con problemas de conduta, nenos tutelados e mulleres vítimas de violencia machista. Con algúns deles, ademais de actividades de lecer e lectivas, realízanse inclusións en competicións de alto nivel, como o Trofeo Príncipe de Asturias, no que nas últimas edicións saíu a navegar un barco adaptado.

A contía económica que supoñerá o convenio asinado con Deporte Galego permitiralle ao club baionés afianzar un dos seus proxectos estrela, polo que pasaron, desde a súa creación en 2012, centos de alumnos de diferentes agrupacións e asociacións de Galicia.

Acompañando ao Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa; e ao presidente do Monte Real Club de Yates, José Luis Álvarez; estiveron este luns no club o vicepresidente do MRCYB, Alejandro Retolaza; e o xefe provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides.