
A organización do Barbeira Season Fest informou a través dun comunicado que se apraza a súa celebración prevista para o 7, 8, 9, 10 e 11 de xuño. A organización do festival, a través das empresas promotoras Elemental Street e Recados Carmen, toma esta decisión segundo indican “por mor do incumprimento de compromisos por parte do Concello de Baiona”. Aseguran que os incumprimentos dos compromisos económicos adquiridos polo Concello de Baiona fan inviable a realización deste evento nas datas e condicións anunciadas, “incumprimentos que supoñen máis de 90.000 euros en perdas para o festival nos últimos dous anos.
Sumado a isto, para a súa celebración neste mes de xuño, o Barbeira Season Fest tramitou a solicitude de actividade e ocupación do solo en decembro de 2022. A autorización, condicionada ao pago de máis de 13.000 € de taxas, chegou esta semana, a tan só 15 días de comezar a montaxe, unhas taxas que ata o de agora asumía o propio Concello dentro da colaboración establecida. “Como é lóxico, non podemos asumir a celebración do festival nestas circunstancias de incerteza, que fan inviable o festival e poñen en risco a saúde económica das empresas organizadoras, ademais de por respecto aos artistas, patrocinadores, proveedores, público e ao propio equipo”.
A organización do Barbeira Season Fest vén de comunicarlle aos artistas, proveedores e patrocinadores públicos e privados (Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, AIE ou propio Concello) a decisión de aprazar a celebración do certame e buscar novas datas e emprazamentos para a súa celebración. O festival quere agradecer a confianza dos centos de persoas que mercaron as entradas para gozar desta nova edición. Estas entradas son válidas para as novas datas que se anunciarán proximamente. No caso de que non puidesen asistir, a organización garante a devolución do importe íntegro.
“Queremos lembrar que o Barbeira Season Fest xerou no ano 2022 en Baiona 150 empregos directos e un retorno económico de máis de 1.400.000 €, se medimos investimento directo, ocupación hoteleira, gasto por asistente, repercusión mediática, etc. Ademais, ao longo destes últimos anos, o Barbeira Season Fest converteu á vila nun referente cultural de modernidade a nivel peninsular, non só grazas á programación musical do certame en si, senón tamén aos contidos paralelos que se realizaban no municipio, como o ‘Restaurante máis pequeno do mundo’, ‘Charlas en Chanclas’ ou ‘O festival nun hotel’, que atraían a público e medios de dentro e fóra de Galicia”, continúa o comunicado.
“Agradecemos sobremaneira a comprensión e boa disposición de todas as partes para acadar a mellor solución. A organización traballa arreo dende xa para encauzar a situación e poder celebrar con vós o noso 5º aniversario coa programación anunciada intacta. Manterémosvos informados”, conclúen as empresas promotoras Elemental Street e Recados Carmen.