O Concello de Nigrán estreará este sábado 20 de maio ás 17:00 horas na súa canle de YouTube o primeiro dos tres documentais da serie “Nigrán na Memoria”, o correspondente a Rosa de Malde, derradeira muiñeira de Camos. A curta, de 20 minutos de duración e coa seguinte ligazón https://youtu.be/mqUJbEZ_moQ será pendurada á súa vez na web do Concello http://www.arquivoaudiovisualnigran.org, creada no 2021 co obxectivo de recuperar e preservar o pasado máis recente do municipio e, por outra banda, difundilo (ao mesmo portal se subirá proximamente o da última redeira de Panxón, Rosalía González, estando xa o da campaneira Esther Nande).
“Ao igual que temos un arquivo histórico de imaxes de Nigrán, agora estamos a documentar oficios, tradicións e costumes que están a desaparecer e que forman parte da nosa esencia”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que “é un traballo contrarreloxo para chegar a tempo de recoller en primeira persoa os relatos sobre o patrimonio material e inmaterial do municipio”. Neste sentido, o mes pasado o Concello estreaba “A memoria da auga”, outro documental de relatos sobre a singular actividade muiñeira na parroquia de Chandebrito (tamén dispoñible en http://www.arquivoaudiovisualnigran.org).
Rosa “De Malde”, de 89 anos, é a última muiñeira da parroquia de Camos, onde mantén vivo un dos muíños do río Táboas, situado no futuro parque forestal. “Moio desde os 9 anos, naqueles tempos era a única muller que o facía” e a día de hoxe o considera “unha diversión” pese ao esforzo que supón manter os regos limpos e o muíño a punto. “Moíamos millo, centeo, trigo e cebada, para os animais máis groso e para comer nós máis fino e peneirando para que non vaian cascullos”, advirte Rosa ao tempo que o pon a funcionar. “Moita papiña de millo e leite da nosa vaca comemos, nesta casa nunca houbo fame grazas ao campo”, explica rememorando uns tempos no que a xente que lle pedía o favor de moer o seu propio millo a cambio lle axudaba nas labores do campo, tarefas que Rosa “De Malde” confesa que sempre lle gustaron.

