Con motivo do Día das Letras Galegas, Lucenza – Ateneo de Nigrán organizou no cemiterio de San Pedro da Ramallosa un acto en memoria de Francisco Fernández del Riego. O acto iniciouse coa intervención de Delfina Meire, secretaria da asociación, que salientou diferentes aspectos biográficos e da obra deste persoeiro. A profesora e compañeira da directiva, Camiño Noia, lembrou a continuación ao público presente os vínculos de Paco del Riego co Val Miñor e deu lectura a un texto deste autor no que se describen estampas e paisaxes da nosa comarca.
O presidente de Lucenza, Xabier Méndez, dirixiuse tamén aos presentes para destacar algúns dos moitos valores do homenaxeado e as moitas razóns de galegos e galegas para lle estar agradecidos. No acto lembrouse tamén ao poeta, falecido hai poucos meses, Salvador García Bodaño, de quen se leu un poema que el dedicara a Francisco del Riego. E como remate do acto foi depositado un ramo de flores ao pé da tomba de don Paco e a súa muller Evelina e foi interpretada á zanfona, polo músico Bieito Lobariñas, unha marcha tradicional de Pontevedra e o himno galego, acompañado da voz de todas as persoas que asistiron a este acto.

