Nigrán continúa en Parada co seu novo estudo de microtoponimia elaborado polo IEM

FOTO: HOMBREDHOJALATA

O Concello de Nigrán presenta mañá sábado ás 19.00 horas no Centro Cultural de Parada o estudo sobre microtoponimia da parroquia encargado ao Instituto de Estudos Miñoráns (IEM). Anteriormente, e con saída deste mesmo punto ás 17.00 horas, haberá unha visita toponímica por algún dos nomes do lugar. A semana pasada presentouse o de Camos, ambos contratados ao IEM por 6.000 euros, e o obxectivo do Concello e completar as sete parroquia do municipio.

“O patrimonio cultural non se limita a monumentos e coleccións de obxectos, senón que comprende tamén tradicións ou expresións vivas herdadas dos nosos antepasados e transmitidas aos nosos descendentes, como tradicións orais ou nomes de lugar (topónimos)”, explica o alcalde de Nigrán e historiador Juan González, quen engade que “deste xeito desde o goberno local blindamos a nosa cultura oral e tradicións á vez que abrimos a posibilidade a moitos veciños de localizar propiedades que figuran en escrituras pero que non se saben situar”.

Grazas a este estudo toda pequena referencia xeográfica (campos, leiras, fontes, hórreos, pazos, montes, lavadoiros, presas, regatos…) co seu nome correcto queda documentada e xeolocalizada. Ademais, incluíu un catálogo e actualización dos bens patrimoniais da parroquia á vez que se recolleron os ditos, lendas, cancións populares ou refráns da zona. Grazas a isto, corrixirase a sinalización instalada se é incorrecta (tanto do patrimonio como dos viarios públicos).

O historiador Anxo Rodríguez Lemos foi o responsable deste traballo que incluíu fotografías dos elementos materiais máis destacados da parroquia, gravando en vídeo ás persoas que máis sobresaen polos seus coñecementos e xeolocalizándose a toponimia maior e menor. A segunda fase é para cotexar os datos obtidos polas fontes actuais cos que figuran nos arquivos como o Histórico Nacional, Provincial de Pontevedra, Diocesano de Tui, Municipal de Nigrán ou Baiona. Finalmente, todo quedará documentado nunha web onde se xeolocalizará e referenciará de forma que estea facilmente a disposición de calquera persoa. “Servirá como fonte documental e fixará os nosos topónimos de maneira correcta para sempre. Con este traballo garantimos que o patrimonio oral, frecuentemente desatendido, non se perda”, engade o rexedor.

O Patrimonio cultural inmaterial ou Patrimonio cultural intanxible forma parte das declaracións da Unesco para salvagardar.