Alumnos do CEP Xosé Neira Vilas plantarán dous exemplares de Camelia Rosalía de Castro en Couso

Para conmemorar este ano a Francisco Fernández del Riego na celebración do 17 de maio, Día das Letras Galegas, o alumnado do CEP Xosé Neira Vilas de Peitieiros realizará unha andaina dende o centro ata o Bosque da Lingua de Couso. En primeiro lugar os alumnos farán unha visita guiada ao Bosque da Lingua, a continuación, o Colexio Público Xosé Neira Vilas e a Comunidade de Montes de Couso, plantarán dous exemplares de camelia híbrida Rosalía de Castro. O lugar elixido non podería ser outro que o espazo dedicado a Rosalía de Castro no Bosque da Lingua. Os actos están programados para o martes día 16 e o xoves 18 de maio. Ambos os dous días poderanse escoitar contacontos musicados a cargo de Iseo Agilda a partir das 11 horas da mañá.

Un 20 de marzo de 1963 Francisco Fernández del Riego, autor homenaxeado este ano nas Letras Galegas, propón instituír o 17 de maio, coincidindo co centenario da edición do libro Cantares Gallegos de Rosalía de Castro (17 de maio de 1863), como Día das Letras Galegas. A súa proposta foi aprobada, e dende entón cada 17 de maio homenaxéase un autor ou autora que defenderá o noso idioma e a nosa cultura. Para recordar aquela data e a Rosalía de Castro o alumnado xunto coa Comunidade de Montes plantará dos camelias hibridas Rosalía de Castro, ademais da que xa hai plantada.

Esta camelia foi creada en honra da poeta pola casa portuense Moreira da Silva. Tamén foi Rosalía de Castro a primeira homenaxeada no Día das Letras Galegas. A Rosalía foille dedicada unha singular árbore memorable. Plantada no ano 1968 na honra de Rosalía. Doazón da casa portuense Moreira da Silva que leva por nome “Camelia Híbrida Rosalía de Castro”. A súa principal distinción márcaa o feito de tratarse dunha camelia creada en honra da poeta e que leva, polo tanto, o seu nome. De orixe portuguesa, diferenciable pola súa floración prolongada, entre novembro e abril, con flores vistosas, semidobres, grandes, vermello-alaranxadas. Unha creación do afamado establecemento viveirícola luso Moreira da Silva e Fillos, no Porto: o primeiro exemplar obtido foi bautizado co nome da autora e regalado en 1968 á Casa-Museo.