
O alcalde socialista de Nigrán e candidato ás eleccións municipais, Juan González, avanzou este venres no seu primeiro acto de campaña no Auditorio Municipal os principais retos de goberno para o que sería o seu terceiro mandato. Entre eles, figuran a construción dun novo Auditorio Municipal e un Pavillón Deportivo, ambos en Porto do Molle, como complemento das actuais instalacións ao resultar manifestamente insuficientes.
“A actividade deportiva e cultural en Nigrán ten dado un paso de xigante nos últimos anos. O Auditorio do Concello ten unha capacidade moi limitada e resulta insuficiente para a demanda que temos de diferentes entidades e grupos e o mesmo sucede co Pavillón, que temos que recorrer á solidariedade do CEIP Humberto Juanes e CPI Arquitecto Palacios para poder desenvolver moitos adestramentos e competicións”, explica González, quen incide en que a duplicidade de instalacións permitirá ampliar os adestramentos e ensaios que, agora mesmo, están moi limitados por esta circunstancia (no caso do Pavillón en Porto do Molle incluso beneficiaría ao IES Val Miñor, que carece do mesmo tendo que desprazarse o alumnado en autobús ata Panxón). “O mesmo que conseguimos construír unha nova biblioteca que é xa unha icona do deseño en toda Galicia, agora temos por diante o reto de construír un novo Auditorio e Pavillón que complementen aos actuais e sen comprometer unhas arcas municipais que teñen superávit”, explicou o alcalde e candidato socialista, Juan González, na presentación deste venres en Nigrán.
Por outra banda, non como reto, senón como realidade xa, avanzou ao público asistente a aprobación provisional do PXOM nun prazo que non debería superar os 3 meses ao ter todos os informes sectoriais xa favorables e ter remitido o 5 de maio a memoria ambiental que supón o paso previo a poder aprobalo provisionalmente. “Tras case 3 anos de reunións técnicas e políticas en febreiro obtivemos a resposta favorable da AXI que abriu xa a porta de cara a aprobación provisional”, explica o alcalde, Juan González. “É unha enorme tranquilidade e unha satisfacción ter rematados todos os ‘deberes’ do PXOM por parte do Concello de Nigrán. Non foi fácil, cada informe tivo que ser pelexado duramente durante estes anos pero ao fin estamos aquí, no momento final, o da súa aprobación provisional de cara xa a definitiva”, sintetiza.
González adiantou ademais como outro dos compromisos de goberno o de levar adiante o programa “Vía-Bici” elaborado coa colaboración de “Resiliencia”, unha asociación formada por profesores e técnicos xubilados do municipio expertos en políticas medioambientais. “Este paso o daremos con eles, parte da sociedade civil de Nigrán que leva tempo traballando nisto, e o obxectivo é primeiramente favorecer a chegada ás praias en bicicleta e, nunha última fase, aos colexios. O obxectivo é reducir o emprego do vehículo a motor creando sendas seguras que, en definitiva, nos facilitarán o día a día”, indica.
“Somos conscientes de que quedan moitas cousas por facer en cada parroquia e estamos desexando levalas adiante. Temos un proxecto en marcha desde 2015 que non se pode parar. Estes anos de bagaxe deixan clara unha forma de xestionar próxima, accesible e amable: poñemos o corazón en todo o que facemos. Seguiremos sendo un goberno atento, formado por veciños comprometidos socialmente, cos pés na terra, e que atenden fielmente as necesidades dos seus concidadáns”, sinala González, quen manifesta “a mesma ilusión e as mesmas ganas”.
As seguintes citas de campaña serán parroquia a parroquia: o sábado 13 ás 20:00 horas en Priegue, o domingo 14 ás 12:00 no Centro Cultural Parada do Miñor, o venres 19 ás 20:30 no local da Asociación de Veciños en Panxón, o domingo 21 ás 12:00 en Chandebrito, o xoves 25 ás 20:30 no Centro Cultural “A Camoesa” e o venres 26 ás 20:30 horas clausura na Alameda da Ramallosa.